A Estrada celebra o día 4 un taller para conmemorar o Día Mundial da Saúde Sexual

A actividade estará impartida pola psicóloga e sexóloga Idhaly Guzmán.

O día 4 celébrase o Día Mundial da Saúde Sexual, e por segundo ano consecutivo, realizarase na Estrada un taller para concienciar sobre a importancia da educación sexual integral e a súa influencia positiva no desenvolvemento da igualdade, da non-discriminación, e da saúde sexual. A actividade estará impartida por Idhaly Guzmán, psicóloga e sexóloga, e comezará ás 19.00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas e media, e terá como escenario o MOME. A actividade, dirixida ás mulleres, está organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) e polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello da Estrada. Contan coa colaboración do Grupo Ambos, da World Association For Sexual Health, da Asociación de Especialistas en Sexología e da Asociación Mundial para la Salud Sexual.

taller sexualidade2017

O aforo será limitado e as persoas interesadas en asistir deberán anotarse previamente no 986 570 030 ( extensión 4121), no 986 590 151, ou se prefiren, a través dos correos electrónicos Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. , Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prazo de inscrición xa está aberto.

Con esta iniciativa e baixo o lema deste ano, Amor e intimidad en la salud sexual, una posibilidad para todas las personas, preténdese romper cos mitos que se producen en relación a este tema. Durante o taller levarase a cabo unha presentación audiovisual, haberá un vídeo-foro, grupos de discusión, adicarase unha parte para a relaxación creativa e haberá tamén un espazo para respostas e preguntas escritas e anónimas sobre preocupacións sexuais da muller, da parella e dos fillos. “Baixo o lema deste ano vamos tratar de entender que a sexualidade inclúe a comunicación das emocións, dos afectos... Ver a clara diferenciación do que é o amor, dos distintos tipos de namoramentos, o que é a arte de ser e de facerse parella, desde o noivado ata a convivencia”, afirma Idhaly Guzmán.

Durante a xornada abarcaranse os seguintes temas:

  • A expresión sexual emocional, máis alá do pracer erótico ou os actos sexuais, recoñecendo a sexualidade expresada a través da comunicación, as emocións, o afecto e os vínculos.
  • A psicoloxía das emocións e do amor.
  • Namoramentos: nocivos ou saudables.
  • Amores con paixón, intimidade e compromiso.
  • A arte de ser parella: reciprocidade afectiva, pracer sexual e diálogo empático.
  • Accións para mellorar a saúde sexual ao longo da vida, condicións, habilidades, valores, identidades e expresións.
  • Benestar que comeza no fogar e na aula: Educación Social Consciente.

“O tema da sexualidade non só é o que moitas veces, desde os máis novos ata os máis adultos, poden responder, que é o tema das relacións sexuais. Non, a sexualidade é moito máis, abrangue toda a nosa personalidade de maneira integral. Ten que ver cun estado de completo benestar, onde se suman os aspectos físicos do corpo, os aspectos emocionais, os sentimentos, os afectos, os pensamentos, as actitudes, tamén as opinións das persoas ou o que foron aprendendo do que lles transmitiron as outras xeracións”, recalca Guzmán.

Engadindo que: “hai discriminacións, desigualdades que poden promover ou impedir o desenvolvemento de homes e mulleres en función dunha concepción distorsionada da sexualidade que moitas separa e diferencia de maneira inapropiada as oportunidades que poidan ter homes e mulleres”, insiste a sexóloga.

A psicóloga e sexóloga incide na importancia de educar con naturalidade sobre este tema desde as aulas. “Celebrar un día da saúde sexual ao ano é pouco, debería ser un programa continuo en aulas e nas conversas que poidamos ter na vida cotiá, pero é un paso adiante para vencer eses mitos, eses tabús, esas resistencias a falar do tema, e por suposto sentirnos todos máis cómodos con algo que é natural, que forma parte da vida e que contribúe coa saúde mental e física”.

O taller do ano pasado na Estrada foi todo un éxito. “O ano pasado, co primeiro taller na Estrada, logramos un encontro moi interesante, nutritivo e aínda que o fixemos cun pouco de temor, porque pensabamos que ía haber un pouco de resistencia para falar de sexualidade, a resposta foi moi favorable. As nais que asistiron colocaron sobre a mesa como elas se vían moi favorecidas de recibir apoio e asesoramento profesional nesta área para poder ir aclarando as dúbidas dos fillos no fogar”, sinala Guzmán.

Despois de cada taller, o grupo Ambos, e a través de enquisas, intenta investigar que é o que necesita a sociedade. “Hai necesidade de brindar educación sexual máis orientada e asesorada aos fillos, necesidade de ter servizos sexolóxicos que as apoien para vivir a súa vida sexual dunha maneira máis enriquecida e feliz. Neste día queremos falar de todo o que contribúa ao benestar, que comeza na aula e no fogar, e que invita na intimidade ás mulleres e ás súas parellas a analizar un pouco o tema de como expresan o amor e o desexo sexual, e ver dalgunha maneira; se seguen existindo estereotipos, que poidan limitar a súa maneira de comunicarse en relación a este tema”, incide a sexóloga.

diptico taller sexualidade2017b

diptico taller sexualidade2017a

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1