A I Andaina Solidaria co Alzhéimer incluirá dúas rutas de diverso grao de dificultade o día 9 na Estrada

O prazo para anotarse remata o día 6.

 

O sábado, día 9, terá lugar na Estrada a I Andaina Solidaria co Alzhéimer. A saída está prevista para ás 19.30 horas desde a Praza do Concello e terá unha duración aproximada de tres horas e media. Baixo o lema Recorda quen son (lema nacional da Asociación Para A Axuda Dos Enfermos de Alzhéimer) a iniciativa nace da necesidade de lograr unha maior concienciación social sobre esta enfermidade, co obxectivo de facer visibles á cidadanía as necesidades e dificultades que presentan as persoas enfermas e tratar de fomentar condutas máis tolerantes, sensibilizando sobre a situación que xera a patoloxía na contorna familiar. “En febreiro faremos tres anos que Agadea e o Concello están colaborando nun programa de atención á persoas con Alzhéimer, con aulas de atención, con novas prazas e tamén intentando sacar para adiante ese centro de día para axudar á xente que se atopa nesa situación”, afirmou Amalia Goldar, concelleira de Servizos Sociais, onte durante a presentación do evento. Estivo acompañado polo edil de Deportes, Ismael Pena, por Isabel Gey, de Agadea, e por Toni Ibáñez, da empresa Senderuta.

 

A actividade contará con dous percorridos de dificultade baixa debidamente sinalizados e con guías. Está dirixida a todos os públicos, independentemente da idade. “O que buscamos é a participación cidadá, que a xente saia á rúa, nos acompañen e de paso facer unha pequena ruta”, apunta Toni Ibáñez, de Senderuta, empresa encargada da organización da andaina. Como o obxectivo é que participen persoas de diversas idades e condicións físicas decidiuse nestes últimos días realizar dous traxectos. “Un grande de dez quilómetros e outro máis pequeno, sobre cinco quilómetros, que será máis urbano”, resalta Ibáñez. Na de maior duración a idea é baixar ata o río Liñares e que a maioría do percorrido sexa por camiños rurais e non estradas.

 

O prazo de inscrición xa está aberto desde o pasado día 21 e rematará a vindeira semana, o día 6. Os interesados, que deberán abonar un prezo de dous euros para poder participar, poden anotarse no edificio do novo mercado os luns, mércores e venres de 16.00 a 20.00 horas ou en Alcaldía, segundo andar da Casa Consistorial, de luns a venres de 09.00 a 13.00 horas.

 

O Departamento de Deportes, dirixido por Ismael Pena, aporta e colabora na elaboración do programa da andaina. “Esta é unha mistura de sociedade, deporte, atención á xente maior e de participación cidadá”, resaltou Goldar.

andaina solidaria alzheimer2017

A primeira andaina realizouse o ano pasado en Riveira (A Coruña) e foi unha boa experiencia. “Saímos moi reforzados todos, as familias e nós, incluso démonos a coñecer a xente que non sabía de nós”, destaca Isabel Gey, que dirixe Agadea. Gey anima a todas as familias a colaborar e en xeral a todos, porque toda cidadanía coñece a algunha persoa que padece esta enfermidade. “É unha epidemia, que tal e como é Galicia dispersa e cun envellecemento tan alto, esta vai ser unha pandemia dentro de moi pouco, senón tomamos medidas”. E nisto recalca que é moi importante a sensibilización.

 

A organización pide os participantes que asistan con roupa deportiva axeitada e que porten unha lanterna ou un frontal.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1