A Estrada destina 10.000 euros a axudas económicas para libros e material escolar

A contía supón un incremento de 3.000 euros con respecto ao curso pasado.


O Concello da Estrada acaba de aprobar as bases das axudas económicas destinadas á compra de libros e material escolar. O Departamento de Servizos Sociais, dirixido por Amalia Goldar, aporta para este curso, 2017/2018, un orzamento de 10.000 euros, o que supón un aumento de 3.000 euros con respecto ao ano pasado.


Estas contías van dirixidas aos alumnos, empadroados no municipio e pertencentes a familias en situación de dificultade social-económica; que estean matriculados na segunda etapa de Educación Infantil, é dicir, que teñan entre tres e cinco anos.  Outra das melloras con respecto ao curso anterior é que a axuda  suporá unha suba de dez euros por alumno, podendo recibir este ano un total de 100 euros por neno. Ademais, a contía poderá constituír o cen por cento do custe total, xa que tendo en conta que estas concesións son de interese social, pola situación de dificultade económica das familias ás que están dirixidas, terán a consideración de carácter especial. Deste xeito, o importe da axuda poderá supoñer a totalidade do gasto.  Abonarase o importe concedido á vista da factura presentada na que debe figurar o nome do solicitante.


Só se poderá beneficiar un os membros en cada unidade familiar, e poderanse conceder tantas axudas como número de menores estean matriculados no segundo ciclo de educación infantil.


Requisitos para optar a estas concesións:

  • A unidade familiar debe estar empadroada e ter residencia efectiva no Concello da Estrada e convivir cos menores.
  • As persoas estranxeiras residentes no municipio poderán beneficiarse sempre e cando se atopen nunha situación administrativa regular e cumpran determinadas condicións sobre os dereitos e liberdades dos estranxeiros en España.
  • O neno debe estar matriculado ou ter reserva de matricula nun colexio público do concello.
  • A solicitude e documentación deben estar realizados no prazo e forma establecido.
  • Acadar a puntuación necesaria, segundo o baremo, dentro da capacidade orzamentaria asignada a tal concepto.
  • Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa seguridade social.
  • Que a renda per cápita, en cómputo anual, non supere o importe do IPREM correspondente ao ano 2.016 (6.390,13 euros anuais).

 

Unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, haberá un prazo de 15 días hábiles para presentar a solicitude no Rexistro xeral de entrada do Concello xuntando a documentación requirida. Anunciarase a través dos medios de comunicación e da páxina web do concello cando se abra o prazo. Seguidamente, o Concello tramitará as solicitudes e emitirá os informes correspondentes.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1