Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará o 28 e o 29 na Estrada

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase os días 28 e 29 ata a Estrada, situándose, como xa é habitual, na Praza do Concello. Os interesados en doar sangue poden acudir, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.

 

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos, envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécense con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e para facer fronte ás urxencias.

 

Baixo o lema 10 minutos da túa vida para salvar a doutros agradécese a colaboración altruísta da cidadanía que é vital para acadar as 500 doazóns de sangue que precisan cada día para axudar a centos de enfermos.

 

Lembrar que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar os seus problemas de saúde e, incluso, salvar a súa vida. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses. Non se pode acudir sen almorzar e despois do xantar hai que agardar dúas horas.

 

Poderán doar sangue as persoas que teñan unha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e que sexan maiores de idade. Os doantes maiores de 65 anos poderán seguilo facendo sempre que conten co permiso do seu médico de cabeceira.

 

Os doantes deben acudir coa tarxeta de doador, co DNI ou cun documento similar, comunicándolle ao médico se están tomando algún medicamento.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1