A Estrada Micolóxica inicia o día 6 o seu programa de actividades con charlas e saídas ao monte

O 2 de decembro clausurarase as xornadas e entregaranse os premios dos concursos de debuxo e fotografía.

 

A Asociación para a divulgación da micoloxía Estrada Micolóxica xa sacou a luz o cartel das súas actividades que terán lugar entre outubro e decembro. O programa céntrase en charlas informativas sobre o mundo da micolóxica que terán lugar os venres cada quince días. Hoxe pola mañá a presidenta do colectivo, Mercedes Nodar, xunto ao concelleiro de Cultura, Juan Constenla, deu tódolos detalles da programación. Todas as charlas serán de 20.00 a 21.30 horas e terán como escenario a Sala Abanca. Trátanse dunhas xornadas que son moi demandadas cada ano, tal e como afirma o colectivo.

 

estrada micoloxica2017

 

“A Estrada é bastante pioneira en facer estas xornadas que serven para aprender e para respectar o monte, evitando prácticas abusivas”, destacou Constenla incidindo ademais da importancia de preguntar sempre a un experto antes de comer calquera das especies, para evitar o risco de intoxicación, ou, incluso de morte.

 

O primeiro relatorio será o 6 de outubro na que Mercedes Nodar dará toda a información sobre o mundo da micoloxía dirixíndose aos principiantes, polo que será unha charla de iniciación. O día 20 Puri Lorenzo, bióloga e micóloga da UPI de Vigo,  falará sobre o Xénero Agáricus “o que son os champiñóns que estamos acostumados a velos no supermercado, pois tamén os temos no campo”, resalta Nodar. O día 3 de novembro será a quenda de Antonio Rigueiro, enxeñeiro de montes e profesor da USC en Lugo, que impartirá Os cogumelos dos bosques galegos. Na xornada do 17 terá lugar o relatorio Mixomicetos, un mundo por descubrir a cargo de Andrés Floro. “Os mixomicentos durante moitos anos estiveron asociados aos fungos, pero agora son un mundo aparte”, indicou Nodar.

 

E xa por último, e neste caso un sábado, o 2 de decembro, Jaime Blanco poñerá o broche final das charlas coa súa sobre o Xénero cantharellus e cratherellus. “Ese xénero tan exquisito, con especies non tóxicas para principiantes”, resalta a presidenta do colectivo organizador.

 

Os asistentes a estas charlas poden afondar na teoría aprendida a través das saídas ao monte que se celebrarán os domingos seguintes a cada un dos relatorios e explicaranse todas as especies que se atopen.  A saída será as 10.00 horas desde a Praza do Concello. Neste caso, haberá prazas limitadas, un total de 20 ademais dos socios. Os interesados deberán anotarse na semana anterior a cada charla e deben facelo cubrindo un formulario que aparece no apartado Actividades-Saídas da páxina  estradamicoloxica.wordpress.com e despois recibirán un correo de confirmación. O venres 29 abre o prazo para anotarse na primeira saída. Os interesados poderán obter máis información na páxina web estradamicoloxica.wordpress.com ou no teléfono 651 914 176.

 

Concursos

 

A programación do colectivo complétase coa Mostra micolóxica 2017 que se poderá ver desde o 29 de novembro ao  2 de decembro. Estas xornadas inclúen, ademais, o VII Concurso escolar de debuxo micolóxico e o VI Concurso de fotografía micolóxica, cuxos premios se entregarán na clausura, o 2 de decembro. O certame de debuxo vai dirixido aos estudantes dos sete colexios da Estrada e teñen un prazo de entrega ata o 29 de novembro e serán elixidos por votación por parte da directiva de Estrada Micolóxica e por Ramiro Cimadevila, pintor e socio da asociación.

 

No curso de fotografía pode participar quen queira de toda Galicia e o prazo xa está aberto e pecharase o 24 de novembro. Toda información sobre as bases aparece na páxina estradamicoloxica.wordpress.com.  “O premio neste caso, e coma sempre, colabora Mar de Compostela e a Asociación de Casas de Turismo Rural da Estrada, será unha fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural da zona”, apuntou Nodar.

 

No caso do de debuxo haberá un gañador por cada colexio ao que se lle fará entrega de diverso material: unha axenda, un estoxo, libros sobre micoloxía, algún xoguete...e entre estes gañadores elixirase un vencedor cuxo debuxo ilustrará o cartel da vindeira edición. O autor do deste ano é Manuel Míguez.

cartel 2017. Estrada Micoloxicapeq

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1