O Concello e o colectivo Rapa das Bestas de Sabucedo organizan unha peregrinaxe a cabalo

Seguirán o camiño da Geira Romana e dos Arrieiros entre o 10 e o 14 de outubro.

 

O Concello da Estrada e a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, en colaboración co colectivo Codeseda Viva, organizan unha peregrinaxe a Santiago de Compostela seguindo o camiño da Geira Romana e dos Arrieiros. A ruta será a cabalo e arrancará o 10 de outubro.

 

O camiño da Geira Romana e dos Arrieiros atravesa o municipio estradense de sur a norte pasando polas parroquias de Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa  Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso. O obxectivo deste traxecto é aproveitar a estreita relación que une a Sabucedo co mundo do cabalo, polo que se fará unha ruta cabalar que transcorra por parte deste camiño de Santiago. Participarán dez amazonas e xinetes de contrastada experiencia, xa que se trata dun percorrido pouco aconsellable para principiantes. A peregrinaxe estará dirixida por Vicente Pereiras Márquez que é unha das persoas máis experimentadas en Galicia neste tipo de eventos. Pereiras leva cinco anos organizando a Ruta Cabalar Salnés-Terra de Montes, a Ruta de Sabucedo, así como diversas peregrinaxes a cabalo por diferentes camiños xacobeos.

 

Traxecto

 

  • Martes 10 de outubro. Un transporte animal levará aos cabalos dende Sabucedo á Portela de Homen (Portugal), de onde sairá a presente ruta para chegar nesta primeira etapa a Castro Laboreiro (Portugal), pasando polos concellos ourensáns de Lobios e Entrimo. Aínda que o camiño da Geira Romana e dos Arrieiros comeza en Braga, debido aos poucos días e á gran distancia, os organizadores decidiron comezar en Portela do Homen, 60 quilómetros máis ao norte da cidade bracaresa. A distancia a percorrer será de 38 quilómetros.
  • Mércores 11 de outubro. Desde Castro Laboreiro (Portugal) a Berán (Leiro), pasando polos municipios de Padrenda, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia e Beade, todos na provincia de Ourense; percorrendo unha distancia duns 50 quilómetros.
  • Xoves 12 de outubro. Desde Berán (Leiro) a Soutelo de Montes (Forcarei), pasando polos concellos ourensáns de Boborás e Beariz, percorrendo uns 40 quilómetros.
  • Venres 13 de outubro. Desde Soutelo de Montes (Forcarei) a Pontevea (Teo). Durante esta xornada, despois de atravesar o concello de Forcarei e pasar un pequeno tramo polo de Cerdedo-Cotobade, todo o percorrido realizarase polo municipio da Estrada, en concreto polas parroquias, xa anteriormente mencionadas, Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso. Sobre as 11.30 horas realizarase no Albergue de Sabucedo un alto no camiño para degustar produtos locais como a sidra de Ribela e sobre as 14.00 horas pararase a xantar na vila da Estrada onde está previsto que as amazonas e os xinetes sexan recibidos polas autoridades locais e pola prensa. Ese día percorrerán uns 45 quilómetros.
  • Sábado día 14. A ruta será desde Pontevea (Teo) ata a catedral de Santiago de Compostela. A organización sinala que esta etapa, duns 19 quilómetros, é máis curta que as demais debido a que as eguas e os cabalos teñen condicionada a súa entrada na Praza do Obradoiro a que a mesma sexa antes das 09.00 horas, hora límite para saír do lugar.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1