A Estrada Comedy 2 incluirá seis monólogos entre outubro e marzo

Javier Veiga, Álex O Dogherty, Enrique San Francisco, Carlos Blanco, Pablo Carbonell  e Antílopez configuran o programa.

 

A Estrada acolle desde outubro a marzo a segunda edición de Estrada Comedy, organizada por Moita Merda promocións, e na que colabora o Departamento de Cultura do Concello da Estrada. Nesta ocasión, serán seis monologuistas de renome os que forman parte da programación:  Javier Veiga, Álex O ´Dogherty, Enrique San Francisco, Carlos Blanco, Pablo Carbonell e Antílopez. Todos os eventos serán no Teatro Principal estradense ás 21.00 horas e o prezo das entradas será de 10 €; anticipadas, e de 13 € na billeteira. Pódense mercar previamente no Departamento de Cultura, segundo andar da Casa Consistorial, ou de maneira online a través en www.ticketea.com (só as entradas do primeiro monólogo, o de Javier Veiga)  e os demais en www.woutizk.es Os espectáculos están recomendados para maiores de 12 anos. O ciclo foi presentado esta mañá por parte do concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e polos responsables de Moita Merda Promocións, Juan Quintela e Indalecio Caballero.

 

estrada comedy2

 

A primeira edición do ciclo tivo un gran éxito. Tal e como a afirma Constenla: “aquilo que funciona ben non se toca, así que en vista do éxito que tivo a primeira entrega que encheu todas as funcións previstas, tendo incluso que reprogramar algunha función a maiores, este outono, en colaboración coa produtora organizadora, temos previsto facer unha segunda entrega, que se prolongará ata marzo cun total de seis participantes. Son seis artistas de primeirísimo nivel”.

 

 

O primeiro monólogo será o de Javier Veiga o 21 de outubro. Tal e como afirmou Quintela fará unha recompilación dos seus monólogos, seguramente en galego. Actor e humorista, participou en múltiples espectáculos, creando a compañía Teatro Impar coa que dirixiu varias obras. En televisión participou en series como Farmacia de guardia,  7 vidas ou en Moncloa, ¿dígame?  Foi presentador de El Club de la Comedia e interviu en películas como Escuela de seducción ou El año de la garrapata. Ademais dirixiu as curtametraxes Sálvame e ¿De qué se ríen las hienas? Entre outras máis intervencións.

 

A ciclo de humor continuará o 17 de novembro con Álex O´Dogherty. Será un espectáculo cómico-musical no que tocará varios instrumentos e interactuará moito co público. Doguerty é actor, monologuista, músico, presentador dalgunhas galas, pero o que mellor se lle da é facer o pallaso, tal como se define na súa páxina web. A carreira de este polifacético artista levouse a cabo nestes últimos anos en ámbitos tan variados como o teatro. Recentemente forma parte dos espectáculos The Hole ou Arte de Yasmina Reza e leva máis de dez anos co seu espectáculo Y tú, ¿de qué te ríes? Na música desenvolveuse tanto como autor, compoñendo varias bandas sonoras para teatro e cine, como intérprete, como vocalista e trompeta da Banda de la María durante 14 anos. Estreou o espectáculo Mi Imaginación y Yo e gravou o seu primeiro disco coa súa nova banda, La Bizarrería. No cine aparece en películas con títulos tan destacados como El Factor Pilgrim, El Portero, Azul oscuro, Casi negro o Alatriste, entre outras. E en televisión participou en series como Doctor Mateo, Camera Café, Aquí no hay quien viva, Los hombres de Paco, Aída, El Comisario, Padre Coraje, etc. Tamén traballou en radio.

 

Enrique San Francisco actuará o 8 de decembro. O espectáculo na Estrada será un mistura dos seus mellores monólogos. “Non necesita presentación xa que é o pai dos monólogos en España”, resalta Quintela. Rogelio Enrique San Francisco Cobo, coñecido como Quique San Francisco, é un humorista, monologuista e actor español. Ao longo da súa traxectoria cultivou grandes éxitos no teatro, destacando as súas interpretacións en obras como Frankie y la boda, Decíamos ayer, Misterioso asesinato en Manhattan, El enfermo imaginario, entre outras. Ademais interviu en numerosas películas como Amanece, que no es poco, París Tombuctú, Acción mutante, La dama boba ou El chocolate del loro.

 

O cuarto monólogo será o de Carlos Blanco (o “pai dos monólogos en Galicia”, en opinión de Quintela) o 19 de xaneiro. Á Estrada traerá un monólogo que será unha antoloxía dos seus mellores textos e existe a posibilidade que faga un monólogo novo. Blanco é actor e director. Traballou en filmes como Heroína de Gerardo Herrero, Sé quien eres de Patricia Ferreira ou Cargo de Clive Gordon. Tivo un pequeno papel en Volver de Pedro Almodóvar, entre outros traballos cinematográficos. En televisión protagonizou Una bala para el rey, dirixida por Pablo Barrera para Antena 3, co-protagonizou a histórica serie Mareas vivas producida por Antón Reixa para a Televisión de Galicia (TVG). Traballou en series como Lobos, Os atlánticos, El Comisario ou Hospital Real. Actualmente forma parte do elenco da serie Fariña, producida por Bambú para Antena 3 que se emitirá proximamente. Ademais presentou varios programas e galas da TVG e recibiu diversos premios. Tamén destaca pola súa faceta de autor e director. Foi o creador dos espectáculos Directamente Paco I e II, Humor Neghro (colaborando co músico guineense Manecas Costa), Dillei, Ordem e progreso, ¡Lalelo! (colaborando co músico Budiño) ou Menú do día, feito en colaboración co debuxante Luis Davila.  E por suposto, é autor e director de recoñecidos monólogos humorísticos e director e co-autor do espectáculo O país da comedia.

 

O quinto será o de Pablo Carbonell o 2 de febreiro. Falará das anécdotas máis aloucadas da súa vida, despois de escribir recentemente as súas memorias. Cantante, humorista e actor español, fundou un dúo e o grupo musical Los Toreros Muertos. Participou en programas televisivos como La bola de cristal, La noche se mueve, El peor programa de la semana o Caiga quien caiga, entre outros. Foi actor en diferentes películas do cine español. Interviu na serie Hospital Central, foi xurado de Tú si que vales, conduciu El intermedio, foi concursante de Splash! Famosos al agua e tamén interpreta un personaxe en Gym Tony. Ademais, foi director do filme Atún y chocolate e sobrescribiu, xunto a Eva Salmerón, a novela Sinsáhara.

 

E o sexto e último espectáculo, será o de Antílopez o 23 de marzo. “Quizais sexan os máis descoñecidos, pero animamos persoalmente a velos, sobre todo quen queira descubrir algo novo. Tamén é un espectáculo cómico-musical que merece moito a pena e que sorprende moito en España, enchendo teatros de máis de mil localidades de aforo”, apuntou Quintela. Antílopez é un dúo de artistas onubenses cun novo concepto de canción de autor. Son compositores e intérpretes das súas creacións e espectáculos, cuxa escena é representativa por un toque de post-humorismo. Usan un aire desenfadado, que aplican como unha extensión do que son fóra do escenario: divagacións, construción e deconstrución de personaxes, improvisación, crítica social e emocional e interactuación co público nos seus directos. 

 

Estrada Comedy 2 Cartelpeq

 

* Prema sobre a imaxe para ampliala.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1