Avelina Valladares será homenaxeada o sábado cun roteiro literaro duns 700 metros

So quedan seis prazas libres das 50 ofertadas e os interesados poden anotarse antes do venres.

 

roteiro literario2017A Estrada acollerá este sábado, día 7, o roteiro literario Avelina Valladares, organizado pola Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cultura e Lingua, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Hoxe tivo lugar a súa presentación na que interviron Juan Constenla, concelleiro de Cultura, Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra e Xosé Luna Sanmartín, que será o guía do roteiro en representación da AELG. Hai un número limitado de prazas, en concreto son 50 e a día de hoxe quedan seis libres. “Este é o último dos roteiros que estamos levando a cabo desde a Deputación dentro do ano do Patrimonio. Trátase de fomentar o rico patrimonio literario que temos en Galicia. Son roteiros que parten da idea da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega de buscar unha variedade, incluso de estilos dentro das propias persoas que son protagonistas destas iniciativas. O que buscamos é gozar por unha banda do patrimonio literario e tamén do natural, do arquitectónico....”, apuntou Xosé Leal.

 

A iniciativa tivo moi boa acollida entre a cidadanía, xa que desde que se abriu o prazo para anotarse en setembro, as primeiras semanas a xente chamou para reservar a súa praza e a día de hoxe quedan só seis libres. Lembrar que os interesados en asistir poden anotarse antes do venres chamando ao teléfono 986 677 748.  “A gran demanda de solicitudes mostra o interese que está a suscitar esta actividade entre os veciños e veciñas da nosa vila. A iniciativa abrangue un percorrido cheo de lugares emblemáticos e transcendentais na vida e obra tanto da cantora do Ulla como nas do seu irmán Marcial Valladares” , resalta Juan Constenla.

 

Os asistentes irán acompañados polo estradense Xosé Luna Sanmartín, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e Compostela, mestre, escritor e colaborador en diferentes medios de comunicación. “As 44 persoas anotadas terán sorte de contar cos coñecementos e coa sensibilidade doutro escritor estradense, Xosé Luna, que é un dos grandes coñecedores e difusores da obra da poetisa estradense”, afirma o concelleiro.

 

Andrea Avelina María Teresa Gabriela Valladares Núñez naceu o 23 de outubro de 1825 en Vilancosta (A Estrada). Criouse no seo dunha das familias fidalgas máis importantes de Galicia. A profunda formación relixiosa que recibiu e a súa liñaxe exerceron unha importante influencia na obra da autora. “A Estrada é a Estrada porque existiu a familia Valladares, isto semella así moi grande, pero Galicia é Galicia porque existiu a familia Valladares e familias de señores que falaban galego, que escribían en galego descoñecendo todo o que era o esplendoroso pasado lírico medieval que tiñamos. Avelina Valladares foi unha innovadora, unha muller vangardista á que lle debemos moito todos os galegos”, afirma Xosé Luna.

 

O punto de partida será ás 11.30 horas desde a igrexa de Berres, xa que é neste cemiterio onde está enterrada Avelina Valladares e algúns dos seus familiares. O percorrido continuará cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha vivenda privada polo que non adoita estar aberta ao público, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Seguidamente, realizaranse lecturas de poemas da autora no xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Picro Sacro. Está previsto que o traxecto remate sobre as 13.00 horas.

 

“O sábado vai ser un día de festa. Faremos un percorrido que vai ser moi sinxelo: vamos ir desde o camposanto ata a casa da familia, que son a penas 700 metros, a través dunha paisaxe enmeigada, moi fermosa que ten o Picro Sacro ao fondo como aparece na obra de Marcial e de Avelina”, adiantou o guía do roteiro.

 

Está previsto que á cita asista tamén algún representante da Asociación do Picro Sacro.

 

“Será un día para ler algunha cántiga e algún poema e deixarse levar por todo ese poder que teñen Avelina e Marcial Valladares. Tamén hai que darlles as grazas á familia, aos herdeiros, por facilitarlles a entrada a ese casal a todos os galegos que queiramos ir ese día alí”, concluíu Luna.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1