O Concello e a Asociación Rapa das Bestas organizan unha ruta a cabalo duns 192 quilómetros

Seguirán o camiño da Geira Romana e dos Arrieiros entre o 10 e o 14 de outubro.

 

peregrinaxe cabaloO camiño da Geira Romana e dos Arrieiros atravesa o municipio estradense de sur a norte pasando polas parroquias de Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa  Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso. Este percorrido será realizado a través dunha peregrinaxe a cabalo organizada polo Concello da Estrada e pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, en colaboración co colectivo Codeseda Viva. A ruta arrancará o día 10 e está previsto que os participantes cheguen a Santiago de Compostela o 14. O alcalde da Estrada, José López Campos, Iván Sanmartín e Henrique Bazal, da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, e Luis Ferro, do colectivo Codeseda Viva, reuníronse hoxe pola mañá para presentar a iniciativa.

 

Trátase dun traxecto bastante complicado e por iso participarán dez amazonas e xinetes de contrastada experiencia, posto que non é aconsellable para principiantes. A peregrinaxe estará dirixida por Vicente Pereiras Márquez que é unha das persoas máis experimentadas en Galicia neste tipo de eventos. Pereiras leva cinco anos organizando a Ruta Cabalar Salnés-Terra de Montes, a Ruta de Sabucedo, así como diversas peregrinaxes a cabalo por diferentes camiños xacobeos.  O obxectivo deste traxecto é aproveitar a estreita relación que une a Sabucedo co mundo do cabalo, polo que se fará unha ruta cabalar que permita ademais coñecer o tramo do camiño xacobeo que atravesa o municipio.

 

Ruta

 

Os asistentes a esta ruta realizaran en cinco días un total de 192 quilómetros partindo o día 10 desde Portugal. Desta maneira, está previsto que o primeiro día un transporte animal leve aos cabalos dende Sabucedo á Portela de Homen (Portugal), de onde sairá a presente ruta para chegar nesta primeira etapa a Castro Laboreiro (Portugal), pasando polos concellos ourensáns de Lobios e Entrimo. Aínda que o camiño da Geira Romana e dos Arrieiros comeza en Braga, debido aos poucos días e á gran distancia, os organizadores decidiron comezar en Portela do Homen, 60 quilómetros máis ao norte da cidade bracaresa. A distancia a percorrer será de 38 quilómetros.

 

O mércores 11 comezarán desde Castro Laboreiro (Portugal) a Berán (Leiro), pasando polos municipios de Padrenda, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia e Beade, todos na provincia de Ourense; percorrendo unha distancia duns 50 quilómetros. Xa o xoves arrancarán desde Berán (Leiro) a Soutelo de Montes (Forcarei), pasando polos concellos ourensáns de Boborás e Beariz, percorrendo uns 40 quilómetros.

 

A vila estradense chegarán, segundo o previsto, o venres. Ese día farán a ruta desde Soutelo de Montes ata Cacheiras (Teo). Durante esta xornada, despois de atravesar o concello de Forcarei e pasar un pequeno tramo polo de Cerdedo-Cotobade, todo o percorrido realizarase polo municipio da Estrada, en concreto polas parroquias, xa anteriormente mencionadas, Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso. Sobre as 11.30 horas realizarase no Albergue de Sabucedo un alto no camiño para degustar produtos locais como a sidra de Ribela e sobre as 14.00 horas pararase a xantar na vila da Estrada onde está previsto que as amazonas e os xinetes sexan recibidos polas autoridades locais e pola prensa. Ese día percorrerán uns 50 quilómetros.

 

E será o sábado cando culminen a súa andaina, facendo o traxecto desde Cacheiras (Teo) ata a catedral de Santiago de Compostela. A organización sinala que esta etapa, duns 14 quilómetros, é máis curta que as demais debido a que as eguas e os cabalos teñen condicionada a súa entrada na Praza do Obradoiro a que a mesma sexa antes das 09.00 horas, hora límite para saír do lugar. Teñen previsto chegar sobre as 08.15 horas. 

 

Durante toda a ruta os cabalos portarán unhas insignias cos emblemas do Concello da Estrada, da Asociación Rapa das Bestas, da Asociación Codeseda Viva, así como un distintivo das Rutas Xacobeas para acreditar a peregrinaxe. Ademais farán unha promoción da Estrada polos diversos municipios polos que pasen como da igrexa de Codesesa, do Pazo de Oca, afondando en Sabucedo para transmitir que esta parroquia non só destaca pola Rapa das Bestas, senón que tamén ten outros aspectos de interese como por exemplo o  seu albergue sendo un detalle importante para a promoción desta ruta xacobea.

 

Futura incorporación da Estrada á Asociación Camiño Miñoto-Ribeiro

 

Tal e como comentou o alcalde durante o acto estase traballando na homologación desta ruta xacobea, polo que iniciativas como esta peregrinaxe, axudan na súa promoción de cara a conseguir este obxectivo.   Estase incidindo na homologación do seu recoñecemento por parte do Consello da Xunta como itinerario cultural preferente e o paso previo deste recoñecemento como camiño de Santiago “estanse facendo xa os seus trámites oportunos, de feito levamos moito anos traballando e fai uns meses presentaron o recoñecemento deste itinerario á Consellería de Cultura para que poidan continuar coa súa tramitación”, incidiu José López. “O que nos interesa a nós na Estrada é que ese camiño se visualice e teña a súa presenza en dous puntos fundamentais: a súa entrada por Codeseda desde o concello veciño de Forcarei e esa bifurcación que en Codeseda se produce e unha delas atravesa a zona este do concello da Estrada cara Vedra ata Santiago. E a outra que é a que estamos intentando potenciar que pasa por Codeseda, Nigoi, Tabeirós, chegando a Estrada cara Santiago pasando por Pontevea”.

 

O alcalde apuntou que xa se fixo algunha recepción de peregrinos e que se contabilizaron algunhas decenas de camiñantes que elixiron esta ruta para chegar a Santiago, polo que seguirán traballando na visualización e na busca de apoio para conseguir ese recoñecemento.

 

O rexedor adiantou que a Estrada vaise incorporar á Asociación Camiño Miñoto-Ribeiro. “Xa temos o convenio desde a semana pasada para adherirnos e levarémolo á comisión informativa e ao Pleno de novembro”. Este será un paso máis para seguir visualizando o camiño ao seu paso polo municipio estradense.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1