Producións Malasombra trae ao Principal un espectáculo feito con pompas de xabón

Tras o concerto de Martin Sánchez o pasado sábado, a programación do Outono no Principal segue o seu curso esta fin de semana. Este vindeiro sábado será a quenda de Producións Malasombra co seu espectáculo Os Fabulosos Cleaners.  “É un espectáculo que aos nenos lles vai encantar, pero que os adultos van desfrutar moitísimo xa que é moi visual”, comentou hoxe durante a presentación do evento, Xoque Carbajal, responsable da compañía e actor da obra. Estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Amalia Goldar, e polo outro actor do espectáculo,  Jouse García.

 

fabulosos cleaners“Alégranos acoller outra vez no teatro unha compañía de selo estradense, unha compañía que conta xa cunha importante traxectoria ás súas costas e que por méritos propios é unha das que máis aceptación ten e que máis actuacións fai en Galicia ao longo de ano”, destacou Goldar.

 

Representaranse en horario matinal, ás 12.30 horas, e pola tarde ás 20.00 horas. A obra é un espectáculo visual de burbullas de xabón que resulta moi atractivo para o público. Está dirixido por Marcos Orsi e Luís Beviá e o elenco confórmano Xoque Carbajal e Jouse García. Os Fabulosos Cleaners é un dos últimos espectáculos da compañía. “Este ano estreamos dous, coma sempre unha comedia para adultos que era a liña que estabamos seguindo na compañía. Pero despois de probar con Rockenstein, un espectáculo para todos os públicos, decidimos facer este”, apuntou Carbajal que aproveitou para comentar o argumento da obra. “Sons uns operarios da limpeza que están no teatro. Hai un problema cos actores da compañía e eles mentres están limpando cos seus útiles de traballo descobren unhas pompas de xabón que saen por casualidade do caldeiro que teñen para limpar. Como os actores non chegan, abúrrense  e empezan a xogar; e van descubrindo un mundo fantástico a través das pompas”. Serán pompas de diversos tamaños, transparentes, con fume, con vapor; que voarán por todo o escenario.

 

Tal e como confesou o actor estradense o espectáculo está tendo unha grande acollida entre o público de todas as idades e tras esa posta en escena hai moito traballo detrás. “Este espectáculo xurdiu porque eu coñecín a Luís Beviá que é autor, actor, director alacantino e un dos que empezou en España co espectáculo de pompas de xabón. Invitoume a probar. Fomos a Alacante Jouse e mais eu durante tres, catro semanas, adentrándonos no mundo das pompas de xabón para aprender a técnica. Cando volvemos aquí, estivemos cinco meses preparando o espectáculo, cando normalmente nós ensaiamos nun mes ou mes e medio coma moito”, confesa Carbajal.

 

O espectáculo ten unha duración dunha hora. O prezo das entradas é de 3 euros e poden comprarse unha hora antes na billeteira do Teatro ou no Departamento de Cultura do Concello, segundo andar, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. A día de hoxe xa hai vendidas preto de 100.

 

A concelleira aproveitou a ocasión para anunciar que xa están á venda, tamén, as entradas para o espectáculo de Chévere As fillas bravas, que será o día 11, cun custe de cinco euros e a disposición dos veciños no Departamento de Cultura.  

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1