A procesión da Santa Compaña volve o 3 de novembro á Estrada

Enmárcase dentro do Festival de Terror Panic e e ese día haberá tamén un taller de maquillaxe.

 

O Departamento de Cultura apura todos os detalles para a celebración da quinta edición do Festival de Cine de  Terror Panic 2017. Unha das actividades será a procesión da Santa Compaña que terá lugar o 3 de novembro. A iniciativa conta coa colaboración de Pedro Pérez, de Producións Trípode, do Servizo de Prevención de Trastornos Adictivos da Concellería de Sanidade, ademais da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE). Esta mañá o concelleiro de Cultura,  Juan Constenla, Pedro Pérez, Lolita Nóvoa, María Gaiteiro, Natalia Arca, Cristina García (propietarias de  tendas locais) presentaron a iniciativa.

 

procesion santa compana

“Este ano o festival trasládase de xaneiro a novembro nun intento de inserilo no marco do Samaín e do día dos defuntos. Está pensado para que todos poidan disfrazarse e participar na procesión da Santa Compaña”, adiantou Constenla. Como antesala a esta, terá lugar un obradoiro de maquillaxe, ese mesmo día, que se levará a cabo na Praza da Feira a partir das 16.30 horas. “Nel os monitores ensináranlles aos cativos a facer as caracterizacións de meiga e de pantasma na idea de que sexan os propios nenos os que axuden a pintar e maquillar aos seus compañeiros”, comentou o concelleiro.

 

Tras isto arrancará sobre as 19.00 horas a procesión da Santa Compaña desde a Praza da Feira ata a Praza do Concello e o punto final poñerao o Mago Teto que será o encargado de realizar un ritual máxico. Como xa é tradición, dentro desta cerimonia intervirán algunhas das academias de baile do concello e diversas agrupacións de música tradicional marcando o paso da procesión. A festa concluirá coa mítica chocolatada.

 

Neste evento terá moita presenza o comercio local. “O máis meritorio deste festival é quizais o feito de converter un evento cultural nun evento participativo que une a moitas agrupacións e colectivos da vila e que ao propio tempo convértese tamén nun motor de dinamización económico para o comercio local”, apuntou Constenla. Con este obxectivo cinco tendas da vila adicadas ao sector téxtil participan un ano máis co Panic ofertando a prezos populares os disfraces que formarán parte da procesión. Os locais que figuran nesta iniciativa son Nobelo a novelo, Lolita e Carmiña, O Dedil, As dúas labores e Arranxos Cristina.

 

Os disfraces propostos para este ano son o da Santa Compaña, cun prezo de 15 euros, e de meiga, a un de 20 euros. Hoxe durante a rolda de prensa puidéronse observar os dous modelos e a partir dos vindeiros días lucirán nos escaparates destas tendas. “O de Santa Compaña mantense o mesmo que o da anterior edición, cunha capa branca, e por outra banda quixemos recuperar un en estilo de meiga tradicional. Para este disfrace haberá dous tons: un en negro con tea de saco ouro vello e outro granate con tea de saco cor natural”, sinalou María Gaiteiro.

 

As responsables das tendas aconsellan encargalos canto antes.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1