As entradas do concerto de Teo Cardalda e do musical de Carapuchiña Vermella xa están á venda

O Departamento de Cultura do Concello da Estrada informa que xa están á venda as entradas do concerto de Teo Cardalda e do espectáculo Carapuchiña Vermella, que forman parte da programación de “Outono no Principal”.

 

O concerto de Teo Cardalda, compoñente na actualidade do dúo Cómplices, será o venres 27 deste mes ás 21.30 h. Será unha actuación en acústico interpretada a piano, e o repertorio estará composto por temas míticos dos grupos Cómplices e Golpes Bajos, agrupación, esta última, á que pertenceu este artista no seu día xunto a Germán Coppini. O prezo das entradas é de cinco euros e poden mercarse en Cultura, segundo andar da Casa Consistorial, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.

 

Por outra banda, o día 29, ás 18.00 horas, será a quenda de Carapuchiña Vermella, de Educa Teatro. Educa Teatro fai unha adaptación do clásico conto dos Irmáns Grimm modernizando a historia e os personaxes para traelos á actualidade. A proposta mestura teatro de actor con manipulación de bonecos e voz en directo para transmitir aos cativos valores como a ecoloxía e a igualdade; ao mesmo tempo que ensinan a reciclar. Ademais, falarán de diversas profesións. É un musical que está composto por sete cancións orixinais cantadas en directo e pensadas especialmente para os máis pequenos. Os temas que interpretarán son: Bebé Rebelde, Cara, Cara, Carapuchiña!, Quero ser..., Camiñando polo bosque, Somos todos iguais, Fiareime eu de ti?  e O lobo. Terá unha duración de 60 minutos.

 

As entradas, que teñen un prezo de seis euros, poden mercarse no departamento de Cultura, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, ou na tenda  de xoguetes Tiko Doco, situada na Rúa San Antonio, 8 da Estrada.

 

Lembrarvos, para rematar, que seguen despachándose a bo ritmo as entradas para este mércores día 11 ás 21.00h do espectáculo “As fillas bravas”, do Grupo Chévere. Tamén poden adquirirse no Departamento de Cultura do Concello.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1