Telefónica xa dá cobertura de fibra óptica a 5.000 inmobles dos 10.000 previstos na Estrada

Os interesados en coñecer as zonas con conexión poden chamar ao 1004.

 

 A implantación de fibra óptica por parte da empresa Telefónica avanza no municipio estradense. O alcalde do Concello, José López, reuniuse esta mañá coa directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, e co outro responsable da empresa. A día de hoxe dos 10.000 inmobles previstos para dar cobertura, a metade xa conta con acceso á conexión, basicamente no casco urbano. Esta actuación ten un custe para a empresa de 1,2 millóns de euros e a entidade agarda que entre finais deste ano e principios do próximo acade o seu obxectivo.

 

“Nos vindeiros meses irase dando conexión paulatinamente noutras zonas para acadar o obxectivo das 10.000 unidades. No polígono de Toedo tamén Telefónica está en condicións de dar servizo proximamente, R xa está aportando dito servizo desde fai unhas semanas”, apunta José López. O Concello está recibindo chamadas da veciñanza para coñecer a situación, pero desde Telefónica informan que os interesados deben chamar ao 1004 porque é aí onde lles indican a situación concreta da súa vivenda ou local, se teñen ou non xa acceso a esa conexión.

 

“Agora teñen feito practicamente a canalización, o que é a rede troncal, con todas as caixas de conexión  e de feito xa hai vivendas conectadas á fibra na Estrada, que xa están usando o servizo”, explica o alcalde. No polígono tamén xa está preparada a rede troncal para facer as conexións e aconséllaselles ás empresas que se poñan en contacto co 1004 porque deberán solicitar eles a conexión. Dependerá da propia demanda, pero Telefónica considera que a finais de ano ou principio do próximo todas as solicitudes efectuadas quedarán conectadas.

 

Pendente do rural

 

O tema da introdución no rural está pendente de que tanto Europa como o Ministerio e a Xunta vaian resolvendo algún plan de implantación de fibra.  “No caso do rural estase a facer unha canalización troncal, é a rede de datos, a rede principal sobre a que non te podes conectar, porque esa rede hai que ramificala e nesas ramificacións é onde se ubican as caixas nas que se establecen as conexións”, apunta o rexedor. Ademais, esta actuación conta cun elevado custe porque a dispersión obriga a que haxa que usar moitos quilómetros de fibra.

 

É neste ámbito onde as Administracións deberán colaborar, tal e como afirma López. “Hai bastante avanzado entre Europa, o Ministerio e a Xunta para establecer un plan de cofinanciamento e os investimentos necesarios para poder levar a fibra ao rural. Sabemos que xa hai algunha actuación e algún concurso feito e esperemos que nesas actuacións A Estrada estea presente. A vantaxe que temos aquí é que con respecto a moitos outros concellos, nós xa temos implantada a fibra, polo que teremos prioridade, porque soamente será facer unha extensión da rede que xa temos, xa que outros teñen que facer unha rede completamente nova”.

 

Non obstante, hai zonas do rural da Estrada, que debido á proximidade co casco urbano, poderán gozar da fibra óptica moi pronto, como son as parroquias de Figueroa, Ouzande, Lagartóns, Matalobos e  Guimarei. “ Nesas zonas xa está feita a rede para poder establecer as conexións, pero o máis sinxelo para saber o estado da conexión é chamar ao 1004 para informarse de se hai conexión inmediata ou obter unha previsión”, conclúe o alcalde.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1