O Musa de Sabucedo incluirá fotografía, rutas, gastronomía, música, obradoiros e a celebración do Samaín e do Magosto

Será o vindeiro fin de semana.

 

Unha nova edición da festa da Musa chega o 28 e 29 de outubro a Sabucedo, mesturando Muiñada, Magosto e Samaín. O evento está organizado pola Asociación de Veciños e Rapa das Bestas de Sabucedo en colaboración co Concello da Estrada, da Diputación, de Rías Baixas e de Estrella Galicia. Juan Constenla, concelleiro de Cultura, Iván Sanmartín, Manuel Cabada e Henrique Bazal, membros do colectivo organizador,  así como Manuel Agrelo, do restaurante Samaná, deron todos os detalles esta mañá durante unha rolda de prensa.

 

musa sabucedo cartelpeq

 

A xornada festiva arrancará o sábado 28 coa I Maratón Fotográfico MUSA 2017, que é unha das grandes novidades desta edición. A temática será por suposto a festa da Musa. Haberá premios para as tres mellores imaxes e os interesados en participar poden consultar as bases do concurso en www.rapadasbestas.gal A idea é facer despois unha exposición de todas as fotos presentadas. “Consideramos que nós como asociación cultural que somos temos unha obriga de recuperar os nosos costumes e o noso Patrimonio na súa forma de sendeiros, de camiños, dos muíños... Este ano é a terceira edición e estamos moi contentos porque cada ano vén máis xente e temos máis actividades”, apunta Bazal. De feito, agardan a asistencia dun grupo de persoas da Asociación Amigos do Camiño Portugués, que decidiron repetir o bo sabor de boca da anterior edición á que tamén asistiron.

 

Ás 10.30 horas, desde o curro novo, haberá unha marcha comentada da Ruta de Sabucedo que inclúe un percorrido de 10 quilómetros a través de carballeiras, sendeiros do río, muíños pasando polo curro vello e pola igrexa, polo pobo... Ademais, haberá un percorrido máis corto, duns tres quilómetros, que só abarcará o pobo e os muíños.

 

O programa continuará coa apertura do Mercado de Outono ás 12.00 horas e a unha do mediodía está previsto unha xuntanza no muíño do Mestre. Alí terá lugar a presentación do libro Os fillos do vento de Ariadna Silva Fernández. “É un libro de fotografías con edición limitada e que leva crins de cabalo cosidas”,  adianta Bazal.  

 

Haberá un aperitivo musical amenizado polo grupo Airiños de Caldelas. Seguidamente, os asistentes poderán gozar dunha visita guiada podendo ver a serra, o muíño e o forno funcionando. Despois, comenzarán os obradoiros de elaboración de pan e filloas. “É significativo como persoas de 70 ou 80 anos lles amosan aos rapaces de entre 4 e 12 anos como amasar o pan, facer as filloas... porque hai que salientar a colaboración que hai por parte de tódolos veciños para recuperar tradicións case esquecidas”, resalta Manuel Cabada.

 

De seguido celebrarase un xantar con produtos da Terra de Montes. Haberá un showcooking a cargo da cociñeira do restaurante Samaná ao que poden asistir as persoas que se anoten ese mesmo día, xa que hai un límite de prazas, ao redor de 25. “Vamos usar xabaril, castañas, salmón e setas, pero non vamos dar máis detalles porque queremos que sexa unha sorpresa”, apuntou Manuel Agrelo, responsable de eventos de Samaná. Tamén, haberá servizo de polbeiro e os interesados en reservar o xantar deberán chamar ao 659 908 745. A música estará moi presente durante a sobremesa.

 

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas continuarase cos obradoiros de pan, filloas e ademais de setas recollidas durante a ruta. Ás 17.00 horas comenzará o obradoiro do Samaín pensado para os máis cativos con calacús, vestimentas, maquillaxe...

 

musa sabucedoComo novidade este ano haberá sobre seis postos de produtos locais da tempada, como queixos, mel, sidra..., e posiblemente tamén haxa stands de artesanía, tanto de obxectos do municipio como da bisbarra.

 

Ás 18.00 horas terá lugar unha mostra e degustación da cociña de outono. Haberá conxuro e degustación de queimada, serán musical co grupo Muiñeiros do Sarela e os veciños cantarán o himno de Sabucedo. Ao redor das 19.30 horas arrancará a procesión da Santa Compaña, na que no ano pasado participaron unhas 200 persoas,  e unha hora despois comenzará a ‘noite de Samaín’, na que non faltará a celebración do magosto xunto ao Teleclube.

 

A programación concluirá o sábado ás 22.00 horas cun concerto amenizado por Raúl e Cía e por os Gins-Tonics.

 

Este ano a festa amplíase ao domingo. Está previsto que ás 09.30 horas teña lugar, desde o curro novo, a Deporuta BTT-Sabucedo con chegada e entrega de recoñecementos fronte ao Teleclube ao redor das 12.30 horas. “Hai 150 prazas e en seis, sete horas xa se cubriron todas”, apuntou Cabada. Os deportistas serán recibidos cunha degustación de callos que se elaboraran nos distintos fogares de Sabucedo. A xornada acompañarase con música.

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1