Codeseda Viva, Carme Pérez Vaqueiro e Mario Franco gañan os Premios San Martiño de Normalización

A entrega dos premios será o 15 de novembro no Teatro Principal.

 

A Asociación Cultural O Brado da Estrada fallou onte no Concello da Estrada os gañadores da súa 27 edición dos Premios San Martiño de Normalización que recoñecen a aquelas persoas ou entidades que traballan a prol da lingua galega.  Na modalidade A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes o premiado nesta ocasión é a Asociación Codeseda Viva. Na categoría Galicia Enteira a agraciada é Carme Pérez Vaqueiro e o premio a toda unha vida de defensa do idioma é para Mario Franco Rodríguez. A entrega de premios será o 15 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal da Estrada. 

 

Asociación Codeseda Viva comeza a súa andadura no ano 2.000, cunha páxina web, denominada Codeseda.com.  Este colectivo adícase a recoller fotos antigas, documentos, datos históricos, etc.  Legalízase  como Asociación Codeseda Viva no 2011. A súas principais actividades son a Ruta de Senderismo PRG-197 que se atopa na derradeira fase de homologación. O colectivo céntrase na actualidade en documentar o camiño da Geira Miñoto Arrieiro que partindo de Braga-Portugal, remata en Santiago de Compostela, para que sexa recoñecido polas Autoridades como Camiño Cultural Preferente e logo como Camiño Xacobeo.

 

Carme Pérez Vaquero é, sen dúbida, unha muller única no movemento da normalización lingüística. É xurista e leva máis de 25 anos facendo unha transcendental labor na promoción e fomento da cultura galega. Con persoas como ela foron xurdindo colectivos que contribuíron con esta causa, entre eles a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística creada en 1982. As devanditas entidades forman parte do colectivo Galeguizar Galicia. Grazas ao labor desas asociacións a mensaxe da normalización lingüística ten vida propia fóra das fórmulas tradicionais da cultura galega, prestixiando a lingua galega onde había indiferenza. Ese inmenso colectivo ten moitos protagonistas,entre eles está esta muller.

 

Mario Franco Rodríguez. Naceu en Santiago de Compostela no ano 1934. Comezou a escribir no 2004, xa xubilado, e publicou a súa primeira novela Terranova – Memorias dun mariñeiro baseada nas súas vivencias e experiencias como tripulante dun buque bacallaeiro. No ano 2007 presentou ao VI Certame Avilés de Taramancos de Relatos de Aventura A derradeira campaña do Capitán Samuel, tamén baseada no mesmo tema mariñeiro e conseguiu o premio por maioría. No ano 2008 volveu presentar ao mesmo certame na súa VII edición A Capela Maldita baseado nunha temática completamente distinta e volveu obter o premio por unanimidade. Foi o único escritor que acadou dito galardón dous anos consecutivos. Todas publicadas en galego, idioma que emprega en todos os seus escritos.

 

O xurado encargado de fallar os premios desta nova edición foron Lourdes Dono, Mónica Arca, Juan Constenla, Iván Sanmartín, Luis Ferro, Carlos Andújar e Kike Vázquez.

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1