Retómanse as obras do centro de pádel da Estrada

A execución conta cun orzamento de 170.000 euros.

 

Esta semana tamén arrancaron de novo as obras do centro de pádel da Estrada. En días anteriores a empresa adxudicataria Mantecer S.L. acometeu pequenos actuacións, pero esta semana comezou a actuación de maior envergadura. O prezo da execución é de algo máis de 170.000 euros.

 

“É un procedemento que iniciamos este ano para facer unha concesión administrativa das instalacións do que fora o antigo frontón municipal”, comenta o alcalde do Concello da Estrada, José López. O que se sacou a licitación foi a construción das pistas de pádel e da cafetería e, ademais, tamén se levará a cabo un proxecto de reforma interior do que é a instalación. “Cambiarase o acceso ás bancadas, que non tiñan acceso pola parte interior, só o tiñan por fóra, acondicionaranse os vestiarios que hai na parte inferior da grada e levaranse a cabo melloras do interior”, resalta López.

 

Á hora da adxudicación, tal e como apunta o rexedor, tivo moito en conta o proxecto deportivo presentado por esta empresa. “O proxecto é bo porque pretende potenciar o pádel entre os máis cativos a través de actividades nos colexios, ademais doutras cuestións como a rebaixa no prezo das tarifas, o apoio á cesión de horas para o club de pádel que temos federado na Estrada e tamén a flexibilidade para o propio club, os que non estean federados, pero que pertenzan ao club, tamén terán posibilidades de acceso en mellores condicións ás instalacións, ademais dun amplo horario para que todos aqueles particulares que queiran practicar este deporte o poidan facer con comodidade”, explica o alcalde.

 

O que son os elementos das pistas xa están acoplados no frontón e este luns procedeuse a baleirar todos os elementos que aínda estaban aí, como canastras ou porterías, para poder comezar de cheo estas obras. Durante estes primeiros días está previsto que leve a cabo a montaxe das pistas para despois rematar o acondicionamento interior, porque este xa se fixo en anteriores semanas. Finalmente, construirase a cafetería, onde tamén se situará a recepción do recinto. “Farase no exterior do que é hoxe a instalación, vai ser unha estrutura prefabricada, que servirá de zona de entrada tanto para os xogadores como para os visitantes e haberá tamén unha pequena tenda”, explica López.

 

O obxectivo do goberno local é que estas instalacións estean finalizadas en torno ao Nadal.

 

O alcalde lembra que a concesión outorgada á empresa adxudicataria é de 12 anos e medio, e que unha vez transcorrido este período, as instalacións quedarán a cargo do Concello que ingresará 12.280 euros ao ano en concepto de canon por parte da firma e terá 80 horas semanais para uso municipal das instalacións.

 

As tarifas establecidas son:

  • De luns a venres 1,80 euros por persoa e por hora en horario de 09.00 a 13.00 horas.
  • De luns a venres 2,70 euros por persoa e por hora de 13.00 a 18.00 horas.
  • De luns a venres 3,70 euros por persoa e por hora en horario de 18.00 a 23.00 horas.
  • O fin de semana e os festivos o prezo será de 7 euros por persoa e hora.

 

“Pretendemos que en xaneiro estea en pleno rendemento e vai ser un proxecto deportivo de grande envergadura para a Estrada, porque pasaremos a ter unha das mellores instalacións de pádel previsiblemente de Galicia, porque o recinto é perfecto e a obra que se vai facer vaille dar aínda máis valor á instalación. Ademais, vamos ter un proxecto deportivo promovido pola empresa, pero coordinado polo Concello, que creo que vai permitir que aqueles centos de persoa que compiten ou que gozan deste deporte poidan ter unhas instalacións estupendas na Estrada, e tamén para aqueles que non o fagan porque non teñen esa oferta deportiva, agora con esta actuación, si van poder achegarse á práctica deportiva”, conclúe López.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1