O MOME acollerá o día 16 un coloquio sobre o consumo de drogas e o uso do móbil por parte dos adolescentes

Servirá para trasladar os resultados do estudo realizado polo Concello e a USC ao alumnado da Estrada.

 

O Museo da Madeira e Moble da Estrada (MOME) acollerá o vindeiro xoves, día 16, ás 19.00 horas unha mesa redonda sobre o consumo de alcohol e cannabis e, acerca do uso do teléfono móbil por parte dos adolescentes. Na charla intervirán docentes dos distintos centros educativos da Estrada, pais e nais de alumnos e Antonio Rial Boubeta, profesor do Departamento de Psicoloxía do Consumidor, da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

 

Na charla-coloquio Antonio Rial transmitirá os resultados do estudio Consumo de drogas e Uso Problemático de Internet entre os adolescentes da Estrada realizado a principios de ano por parte do departamento de Prevención de Drogodependencias do Concello da Estrada, dirixido por Isabel Sanmartín, e polo departamento de Psicoloxía do Consumidor da USC. A análise avaliou a 649 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de catro centros educativos estradenses: o Número 1, o Antón Losada Diéguez, o Manuel García Barros e o Nosa Señora de Lourdes. A charla servirá, ademais, para compartir opinións, puntos de visa e o arranque necesario para levar a cabo unha folla de ruta sensata, eficaz e compartida que guíe futuros traballos sobres estes temas.

 

“Educar nestes días non é tarefa sinxela. Nais, pais e educadores vivimos nunha sociedade cargada de urxencias e responsabilidades que case non deixa tempo para pensar e, na que as dificultades de educar aos nosos fillos adolescentes xa non son o que eran. A globalización de Internet, unido aos tradicionais problemas vinculados ao consumo de alcohol e substancias, nos que os mozos se inician cada vez a idades más temperás, fai que o noso papel sexa cada vez máis complicado”, afirman os responsables do estudo. Tanto desde o Concello como desde a USC chegan á conclusión de que ao problema do botellón e dos porros se lle suma agora a aparición de novas drogas, as chamadas drogas de síntese, de asalto sexual e submisión química. Ademais, están cada vez máis á orde do día, as diferentes condutas de risco na Rede, así como as novas formas de delito (sexting, sextorsión, ciberbulling, apostas online, contacto con descoñecidos, grooming) converténdose o móbil nunha das principais fontes de conflito familiar e escolar. 

 

Ante esta problemática os expertos consideran que é necesario articular boas respostas e que para iso é fundamental que primeiro se coñeza de maneira precisa e obxectiva que está realmente pasando cos adolescentes. Por este motivo, inciden na importancia de actuar como comunidade na que pais, nais, centros educativos, administracións e institucións traballen de maneira conxunta.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1