600 alumnos de nove centros educativos participarán o mércores no campionato Xogade-Campo a Través na Estrada

Preto de 600 alumnos de nove centros educativos da zona participarán no campionato Xogade- Campo a través.

 

deporte1

Esta proba de atletismo disputarase o mércores, día 22, na praia fluvial a partir das 10.00 horas. A competición está organizada pola Agrupación A Estrada de Deporte Escolar, colectivo no que se encontran integrados os colexios da zona, coa colaboración do Concello da Estrada e a Secretaría Xeral para o Deporte. Toño López, coordinador da Agrupación A Estrada de Deporte Escolar, Daniel Benavides, xefe de Servizo Provincial de Deportes e  José López, alcalde da Estrada, deron hoxe todos os detalles durante a presentación do acto.

 

A proba, que ten como principal obxectivo que sexa unha xornada de deporte e de diversión, contará coa presenza de estudantes dos centros de Figueroa, Pérez Viondi, Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes, Manuel  Villar Paramá, Cabada Vázquez, o de Oca, o instituto Nº1, o García Barros e o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis. Participarán nenos desde segundo curso de primaria ata terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria.

 

 

HORARIO E CATEGORÍAS

HORA

CATEGORÍA

PERCORRIDO

DISTANCIA

10.30

Benxamín feminina

1 pequena

500 metros

10.40

Benxamín masculina

1 pequena

500 metros

10.45

Alevín feminina

1 grande

750 metros

11.00

Alevín masculina

1 pequena + 1 grande

1250 metros

11.15

Infantil feminina

1 pequena + 1 grande

1250 metros

11.30

Infantil masculina

2 grandes

1500 metros

11.45

Cadete feminina

2 grandes

1500 metros

12.00

Cadete masculina

1 pequena + 2 grande

2000 metros

 

“Un reto para nós importante e seguir coa Estrada como a capital do deporte, temos algunhas novas interesantes, de feito xa temos solicitudes de moitos equipos de seleccións galegas de distintas disciplinas deportivas que teñen como sede ou base dos seus adestramentos A Estrada, pero temos tamén algunha nova que vén da Xunta de Galicia que se está traballando para aproveitar o que son as instalacións da Academia Galega de Seguridade”, apunta o alcalde. “Unha das competicións propias das Administracións locais é o deporte e os Concellos deben facer todos os esforzos posibles para poñer os medios, tantos materiais como humanos, para seguir potenciando o deporte na idade escolar. É unha ferramenta fundamental na sociedade actual na que se están perdendo certos valores e que nos costa moita socializar cos nosos cativos”, engadiu o rexedor e ademais lembrou ese incremento substancial dos orzamentos deste ano nas partidas relacionadas co deporte.

 

Toño López aproveitou a ocasión para agradecer aos colexios e aos seus docentes por facer posible un ano máis esta actividade, así como as facilidades e as axudas aportadas polo Concello e a Xunta.

 

“É un pracer estar na Estrada e estar acompañado de persoas que entenden de deporte e que teñen unha sensibilidade especial, porque a escola e o deporte sempre foi unido, ao igual que a cultura e a educación. E así as cousas son máis doadas. Fai dous anos fixemos o campionato galego aquí na Estrada e tivo moi boas repercusións a nivel autonómico, xa que A Estrada é un lugar, que ademais da súa boas comunicacións, a recepción e a implicación do Concello é desde o minuto un”, comentou Benavides. Así mesmo, apunta que cada vez existe maior participación por parte dos centros escolares, xa que lle permite ao neno practicar deporte en lugares naturais próximos. O obxectivo é preparar tanto ao profesorado como ao alumnado na promoción do deporte a través da práctica. Nos nenos de quinto de primaria hai unha iniciación ao atletismo, en sexto están traballando en unidades didácticas para os xogos populares, como a chave ou a billarda e en secundaria o rugby, tal e como resalta Benavides. Ademais, hai un grupo de mestres que están incidindo na necesidade de potenciar o fútbol gaélico.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1