Lo mejor de Yllana chega o domingo á Estrada

A compañía Yllana volve aos escenarios galegos e fará este domingo, día 10, unha parada na Estrada. A cita será ás 19.00 horas no Teatro Principal e o público poderá gozar dun espectáculo moi especial, o que estreara nunha dobre celebración, a do seu 25 aniversario e tamén na mesma efeméride do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo o ano pasado. Lo mejor de Yllana é un espectáculo, de dúas horas de duración, onde fan un repaso deste cuarto de século sobre o escenario cos seus mellores sketches e os gags máis divertidos. Foi presentado esta mañá por parte de Juan Constenla, concelleiro de Cultura, e por Fran Rei, como representante de Culturactiva, a empresa encargada da xira de Yllana en Galicia.

 

A compañía Yllana intégrana Marcos Ottone, Juan Ramos, Joe O’Curneen, Fidel Fernández e David Ottone. Nesta ocasión, os intérpretes son Fidel Fernández, Juan Ramos, Luís Cao, Juanfran Dorado e Jony Elías. Lo mejor de Yllana é a suma do traballo de moitas mentes creativas que, desde os comenzos, foron facendo as súas contribucións aos espectáculos da compañía. “Non é a primeira vez nin a segunda vez que Yllana actuará na nosa vila, pero quizais si a máis especial, posto que con este espectáculo a compañía celebra as súas vodas de prata poñendo en escena os mellores sketches como Muu!, Star Trip, Brokers, 666, The Gagfather... será unha oportunidade única de pasar dúas horas rindo a rebentar”, apunta Constenla.

 

presentacion yllanaAs entradas, que quedan ao redor dunhas 80, poden mercarse no departamento de Cultura do Concello, sito no segundo andar, onde tamén hai aínda entradas para o monólogo de Enrique San Francisco deste venres. Ambas teñen un prezo de 10 euros. O Concello da Estrada intenta que todos os espectáculos non superen este prezo para que todos os que o desexen poidan asistir aos espectáculos por un custe o máis popular posible.

 

“Quero lembrar a historia de amor entre A Estrada e Yllana. Nós distribuímos esta compañía desde o 2001, cando estaba cumprindo o seu décimo aniversario, e daquela actuaran só en Carballo e o primeiro Concello que decidiu apostar por Yllana nunha programación regular foi o Concello da Estrada”, apunta Fran Rei ao que engade “os actores sempre van falar da Estrada con moito cariño e anos máis tarde David Otonne, o seu director, estivo traballando cunha compañía da Estrada e dirixiu un espectáculo no que interviron actores estradenses e o seu director artístico era de aquí, así que a súa relación con este municipio é moi importante”. Tal e como apunta Rei este espectáculo está pensado para todo o público. “Si hai un perfil por espectáculo, pero neste caso como recompilan o mellor de todo, hai sketches para todos os públicos, porque é precisamente iso, unha celebración para de 0 a 99 anos, como dicían antigamente os xogos”, sinala Rei.

 

A compañía

 

Creada en 1991 como compañía de teatro de humor xestual, na actualidade diversificou a súa actividade no mundo das artes escénicas e audiovisuais. A súa aposta céntrase na maioría dos casos nun humor sen palabras, irónico e interactivo buscando no público a máis libre das gargalladas. Trátase dun humor universal que soubo chegar a multitude de escenarios por todo o mundo. Desde o seu encontro coa escena, Yllana produciu 25 espectáculos entre os que destacan: Muu!, Glub Glub, Star Trip, Los Mejores Sketches de Monty Python, Pagagnini, Brokers e Zoo, que se representaron en 44 países e foron vistos por preto de dous millóns de espectadores. No 2016 celebraron as súas vodas de prata co público. Pola súa traxectoria, recibiu galardóns como o Outsanding Unique Theatrical Event por 666 no Fringe Festival de Nova York ou o premio ao Mellor Spectacle Étranger en 1993 do Festival Printemps des Courges de Toulouse (Francia). Dende 1996 xestiona o Teatro Alfil de Madrid.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1