Un centenar de músicos actuarán no Concerto de Nadal do sábado no Teatro Principal

A Coral Polifónica Estradense estará acompañada pola Banda Municipal da Estrada  e pola Coral Polifónica de Soutomaior.

 

concerto fin ano

A Coral Polifónica Estradense, que celebra o seu 20 aniversario este ano, amenizará este sábado, día 23, o seu tradicional Concerto de Nadal. Será ás 21.00 horas no Teatro Principal e contará coa colaboración da Banda Municipal da Estrada e coa Coral Polifónica de Soutomaior. A entrada é de balde e os interesados en asistir deberán retirar previamente as invitacións no departamento de Cultura, sito no segundo andar do Consistorio, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou media hora antes na billeteira do teatro o día da actuación. “Tivemos a oportunidade de comprobar esta pasada fin de semana cos concertos dos coros parroquiais e o recital do Pazo de Oca a gran afección que hai na Estrada á música coral. Esta afección débese,en gran parte, ao traballo que dende a Coral Polifónica Estradense se vén facendo desde que se fundou no 97”, apuntou o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, esta mañá durante a presentación do evento. Constenla estivo acompañado por Xabier Comesaña, director de ambas agrupacións estradenses, e por Ramiro Sánchez, compoñente da coral e membro da directiva.

 

Baixo a batuta do seu director, Xabier Comesaña, a actuación dividirase en tres partes. Na primeira actuará a Coral Polifónica estradense a capella, polo tanto sen acompañamento instrumental, que interpretará dúas obras do repertorio inicial do ano 1997. Seguidamente, a coral xunto a coral convidada cantarán, tamén a capella, outras dúas pezas. Por último, será a quenda de intervención da Banda Municipal da Estrada. Esta será a actuación principal na que interpretarán obras que resumen os 20 anos da coral. Actuarán ambas corais contando co acompañamento instrumental da banda estradense.

 

Así a coral estradense interpretará Foliada de Compostela e Nouturnio en solitario, despois en compañía  da coral de Soutomaior cantarán Ay Linda Amiga e Suite comercial navideña e por último, as tres agrupacións interpretarán: Va Pensiero, Jerusalem, La del Soto del Parral, Luísa Fernanda Mazurca de las sombrillas, La Verbena de la Paloma Habanera-Seguidillas, Katiuska Coro de los cosacos, Negra Sombra, Un beso y una flor, Quizás, quizás, quizás,  Abba Mamma Mía e Marcha Radezky.  Desta maneira, haberá tres pezas do xénero galego, tres de polifonía a capella, catro de Zarzuela, tres do xénero clásico-popular e tres do xénero pop-clásicos. Algunhas destas pezas aparecen no novo CD da agrupación, gravado en directo no festival de Nadal do ano pasado, que leva por nome Sorriso de Burbullas.

 

“Creo que vai ser un concerto diferente ao dos outros anos e teño que darlles a noraboa aos coralistas porque levan traballando moitísimo, con moitísima dedicación, con moitos ensaios á semana de moitas horas”, apunta Comesaña que tamén agradece a dedicación da Coral Polifónica de Soutomaior e da Banda Municipal da Estrada.

 

No escenario actuarán un centenar de coralistas e músicos, entre eles estarán uns 17 excoralistas que pasaron pola formación polifónica durante esta vintena de anos de existencia musical e que se sumaron a esta cita para festexar o aniversario. “Estas novas reincorporacións están desfrutando moito e iso nótase nos ensaios”, apunta Ramiro Sánchez. De feito e tal e como confesa Comesaña, algúns destes excoralistas están pensando en reincorporarse á agrupación.

 

Durante este longo período a coral interpretou unhas 200 obras vocais que abarcan os xéneros musicais máis variados: coros de ópera, de Zarzuela, clásicas, galegas, habaneras, do século XX, himnos, música iberoamericana, panxoliñas, música sacra, populares, música do Renacemento, entre outros.

 

A coral leva ás súas costas un gran número de actuacións, tanto no ámbito autonómico, como no nacional e internacional. Actuaron en máis de 60 municipios da xeografía galega. Fixeron intercambios con máis de 90 corais galegas. Levaron a súa música ata París, Suíza, República Checa e Cuba e realizaron tamén intercambios no estranxeiro, concretamente con máis de 20 corais de países como Alemaña, Suíza, Italia, Portugal, Francia e Chequia. “Este sábado a Coral celebra o seu vixésimo aniversario, 20 anos cheos de concertos, intercambios, viaxes por dentro e fóra de Galicia, 20 anos paseando o nome da Estrada por escenarios de medio mundo e espertando en moitos dos nosos veciños a paixón polo canto coral”, apuntou Constenla.

 

Pola coral pasaron máis de 80 compoñentes durante todos estes anos. Na actualidade, están 40 artistas.

 

Música de cine

 

Comesaña aproveitou a ocasión para falar de proxecto de futuro. O director ten en mente traballar co xénero musical do cine. “É un apartado que non temos nada e no que hai moita riqueza musical e seguramente a partir de xaneiro empezaremos con este novo proxecto, que é a música de cine”.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1