O Concello da Estrada conta xa coa acta favorable da Xunta de Galicia sobre o tratamento de residuos na obra da Alameda. O terreo está a disposición dos técnicos para a realización de catas, así como os albaráns das actuacións, presentes e pasadas, polas que pasou a Alameda, asegurou onte o alcalde, José López Campos.
Trala inspección, o técnico de Medio Ambiente da Xunta determinou que non era preciso realizar catas xa que non albergaba dúbidas respecto á existencia de enterramento de material. Despois de comprobar que non había enterramento déronselle todos os albaráns, tanto dos materiais que se atopan actualmente en cota como dos acopiados.
Coa chegada da máquina que valorizará os residuos separaranse os materiais valorizables dos que non o son, como ferro e plásticos, e uns se levarán a unha planta para o seu tratamento mentres que os outros serán triturados novamente para facilitar a súa incorporación como base do terreo.
Os materiais máis duros, como o antigo pavimento da praza, actuarán como base mentres que a terra vexetal será incorporada como capa superficial de cara á construción das zonas verdes, aclarou López.
O Concello remitirá no sucesivo os albaráns de tratamento dos residuos ao técnico da Xunta encargado da inspección a fin de evitar polémicas como a acontecida e seguirá así coa posta en valor da parte sostible da Edusi, na que se enmarca a obra,na que o tratamento in situ dos residuos actúa como un valor engadido, finalizou o alcalde.