A Banda da loba abrirá a programación cultural de primavera do Concello da Estrada cunha actuación que terá lugar o vindeiro día 23 de febreiro ás 22:00 horas no Teatro Principal da localidade, segundo informaron hoxe dende o Departamento de Cultura do Consistorio.
A banda, integrada por cinco mulleres, ten influencias do rock, pop e folk, con temas da súa autoría e musicalización de obras de poetas clásicos e contemporáneos. Retomarán así a xira Bailando as rúas na Estrada, fogar de dúas das súas integrantes, Andrea e Marcela.
Proximamente iranse presentando os diferentes eventos que, con este espectáculo como presentación e avance, conformarán o ciclo cultural primaveral Estrada Escena.