O Concello da Estrada instalou hoxe dúas lonas publicitarias con datos e infografía sobre a actuación que se está levando a cabo na Alameda como xustificación dentro da Edusi. É preciso como condición do proxecto crear unha estratexia publicitaria que poña en valor as actuacións que se están desenvolvendo gracias á colaboración de Europa, aos fondos FEDER e á Edusi, aclarou o alcalde, José López Campos.
As dúas lonas publicitarias instaladas atópanse, unha diante da Casa Consistorial e a outra no cruce de Benito Vigo coa rúa Castelao. Sobre elas pódense observar a infografía que amosa o aspecto final que terá a obra e os usos detallados do espazo da intervención: superficie da actuación, zonas verdes, dimensións da nova Praza do Concello e outros datos de interese.
Esta axuda europea para o desenvolvemento rural e urbano ten un importante compoñente sostible, polo que esixe que se documenten dez exemplos de boas prácticas vinculadas a ela dentro do período en que ten lugar.
A instalación destes carteis informativos cumpre unha dobre función. Por unha banda amosa á veciñanza cal será o novo aspecto da Alameda e de que maneira se distribuirá o espazo, e por outra incorporarase á estratexia que xustificará os impactos publicitarios dunha campaña que se abandeira baixo o lema “Una manera de hacer Europa”.
Con respecto ao avance da obra, López estima que os traballos de pavimentado da praza comecen a partir do xoves e anunciou que o parque xa posúe a cota definitiva, polo que pronto comezarán os traballos construtivos na zona.