Talía Teatro porá o venres o foco sobre a falta de comunicación das parellas

27 Marzo 2019

Talía Teatro porá este venres, 29 de marzo, o foco sobre a falta de comunicación que existe entre algunhas parellas na súa obra, A primeira vez, que se estreará no Teatro Principal da Estrada ás 21:00 horas. Trátase dun drama disfrazado de comedia que irá dando as claves aos espectadores ao longo da actuación para chegar a entender a súa lóxica.

 

talia teatro2019Esta obra chega á carteleira estradense da man como director de Artur Trillo; un profesional vencellado á Escola de Artes Escénicas da localidade, onde traballou como docente durante tres anos, aclarou o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, quen explicou que esta serie de representacións son posibles gracias ao convenio existente entre o Concello e a Xunta de Galicia, e que coa colaboración de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) contribúe a dotar á vila dunha programación cultural estable e de calidade.

 

Constenla expuxo a súa convicción de que esta estrea fará que tanto público xeral como profesionais do sector poñan os ollos neste espectáculo que terá lugar na Estrada, xa que esta é a primeira estrea da compañía na vila despois de oito anos, e invitou á veciñanza, á que lembrou que as entradas xa se atopan á venda no Departamento de Cultura do Concello, a acudir o venres ao teatro.

 

Talía Teatro é unha das compañías máis activas do país, gañadora de diversos premios e cuxa última estrea, Vida de cans, apenas foi o mes pasado, sinalou o director de AGADIC, Jacobo Sutil, que afirmou que é un orgullo para a Xunta de Galicia apoiar na súa vindeira estrea na Estrada a unha compañía que toca todos os rexistros interpretativos. Tamén agradeceu ao Concello o seu compromiso coa cultura e o teatro antes de ceder a palabra ao director da obra, Artur Trillo.

 

Este afirmou que é un pracer volver a un lugar no que estivo traballando e do que garda un grato recordo e moitas amizades. Agradeceu as facilidades que lles da o Concello da Estrada á hora de ocupar e acondicionar as instalacións do teatro, onde levan traballando dende o luns pola mañá de cara á función do venres. Asegurou que se trata dunha obra complexa, na que a parte dramática ten máis peso que a cómica, durante o transcurso da cal iranse dando as claves para entender a súa lóxica.

 

Pola súa parte, a actriz María Ordóñez inquiriu que o público ten que acudir ao teatro para descubrir que pasa con esas dúas persoas e esa preparación para un primeiro encontro íntimo que segundo a visión da protagonista, ten que ser perfecto, de maneira ritual, tal como ocorre no cine romántico. O elenco da obra, tanto director como actores esperan que o público acuda de forma masiva a ver esta obra coa que se senten plenamente satisfeitos.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1