Despois de preto de 200 actuacións realizadas ao longo dos últimos sete anos, mañá venres comeza unha nova xira do ciclo de distribución cultural polas parroquias estradenses O Teleclub da Comedia, unha xira que chega esta primavera á súa décimo quinta edición.
O obxectivo non é outro que o de descentralizar as actividades culturais achegándoas, na medida do posible, a aqueles ámbitos de poboación rural desprovistos de infraestruturas; favorecendo, por unha banda, a captación de público e a consolidación dun ciclo de exhibición cultural permanente. Isto, sen esquecer, que a programación destas actividades, está servindo tamén para poñer en valor espazos como antigas escolas, teleclubs e outros locais sociais, presentes en cada parroquia e medir co público a novos artistas estradenses.
O ciclo dará comezo o 29 de marzo en Toedo e rematará o 2 de xuño no local social de Parada. Entre medias, a caravana do Teleclub da Comedia visitará as parroquias de Cora, San Pedro de Ancorados, Matalobos, Callobre, Riobó, Lamas, San Tomé de Ancorados, Sabucedo, Curantes, Arnois, Moreira e Sto André de Vea, ademais da residencia da 3ª idade da Estrada.
Os artistas que participarán nesta edición son en gran parte de procedencia estradense: Sali Torres, Mari Rivadulla, Chelo do Rejo, Chus Picallo, Manolo do Atlético, o Mago Toño, Isi, a compañía teatral Disfunción Continua, o Padre Xiao, o Padre Merino e a Escola Municipal de Artes Escénicas aos que se sumará o cómico Pedro Brandariz e o mimo Nono.