A cúpula da Casa do Concello da Estrada alumearase mañá, 2 de abril, de azul en conmemoración do Día Mundial do Autismo. Procederase ao acendido arredor das 20:30 horas, antes do solpor, e permanecerá aceso durante toda a noite.
Este é un dos actos conmemorativos do Día Mundial do Autismo organizados pola asociación APACAF, que ten un centro de atención para persoas con autismo na parroquia de Berres, e para o que o Concello da Estrada presta a súa colaboración.
Esta iniciativa pretende dar visibilidade ao colectivo de persoas con autismo, así como a incrementar os niveis de coñecemento e tolerancia cara elas. Trátase da campaña de sensibilización internacional Light It Up Blue (ilumínao de azul), promovida por Autism Speaks, na que milleiros de edificios emblemáticos de todo o mundo se iluminan de azul en apoio en apoio ás persoas con autismo e ás súas familias. En 2015 rondábanse os 50 edificios alumeados en azul en España; para este ano o obxectivo é chegar aos 350.