A unión de músicos veteranos da Estrada reunirá o mércores a 24 intérpretes

29 Abril 2019

A unión de músicos veteranos da Estrada organizou un concerto que terá lugar este mércores, 1 de maio, ás 13:00 horas no Teatro Principal e no que se darán cita 24 intérpretes divididos en diferentes agrupacións. O evento comezará cun pequeno pasarrúas dende a praza do Concello ata o teatro a partir das 12:45 horas, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

 

Nunha localidade onde a que a actividade das bandas municipais e culturais pode catalogarse de centenaria, esta etapa supón unha posibilidade para volver xuntar a tódolos músicos que algunha vez formaron parte dalgunha agrupación, sinalou o concelleiro.

 

Esta será unha oportunidade de reencontro para todas as persoas que desempeñaran algunha actividade musical no pasado, cuxo propósito é o de facilitar a reunión e deixar atrás vellas rivalidades que existían entre os distintos colectivos, aseguraron as compoñentes de Nova Ribeira, Lourdes Dono e Carmen González (primeira muller que formou parte da banda de música do Concello), antes de confesar que esperan que para unha próxima edición do concerto se sumen máis bandas, agrupacións e músicos.

 

Tamén sinalaron as diferenzas existentes entre a forma de aprender música na actualidade, mediante ensinanzas regradas, a diferenza da súa propia experiencia, onde unhas persoas procuraban a axuda de outras nun proceso maioritariamente autodidacta no que o interese pola música xuntaba ás persoas que se reunían para tocar despois de saír de traballar.

 

Agradeceron a implicación de Simón Couceiro na organización e dirección do concerto, así como o apoio do Concello á hora de ceder as instalacións do teatro como lugar de ensaio dende o Nadal. Lembraron para rematar que para acudir ao concerto, por cuestións de aforo, é preciso retirar invitacións no Café Boliche, na Hamburguesaría Florida ou no Departamento de Cultura do Concello.

 

As actuacións terán unha duración aproximada dunha hora na que se interpretarán cancións populares, rock e alboradas.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1