Esta fin de semana insírense na axenda cultural da Estrada dous eventos en conmemoración do XXX aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros coa proxección hoxe venres, ás 20:00 horas, nos Minicines Central do documental acerca do premio literario e o domingo 5 de maio, ás 19:30 horas, a estrea no Teatro Principal da obra sobre Os contiños da terra de Santi Cortegoso.
Espérase que a obra de teatro se vaia a representar en tódalas parroquias durante os vindeiros meses a fin de dar a coñecer a actividade de García Barros por todo o concello, explicou o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.
Trátase dunha peza teatral na que interveñen artistas da Estrada coma Fran Campos, Chelo do Rejo e Juan Ruibal, que será o encargado de dotar de música en directo á obra para darlle ritmo e guiar a historia.
O director afirmou que a medida que preparaba a obra ía coñecendo máis en profundidade a vida que levaban os galegos de principios do século XX; unha forma de vida que se está perdendo, fuxida cara as cidades pero que aínda se pode ver nas persoas maiores e que García Barros plasma na súa obra.
A peza recolle esa reivindicación clara para que non se perda ese legado a través de tres contiños (A Ceridonio non se engana, O tío Zanfona e A carón da pedra) e unha historia contemporánea que serve como fío condutor para a dramaturxia.
As invitacións para os dous eventos, tanto para o documental do venres como as da obra de teatro do domingo, pódense recoller no Departamento de Cultura do Concello da Estrada e na zapatería A Esquina.