O Concello da Estrada instalará carpas nas zonas da rúa onde se celebrarán as actuacións da festa dos anos 80 programadas para mañá, 16 de maio, debido á previsión atmosférica. Esta acción pretende anticiparse a un posible cambio do tempo e impedir así que os asistentes se expoñan á choiva. Os eventos previstos para a fin de semana contarán tamén con carpas polo mesmo motivo.
A festa comezará a partir das 21:30 horas na Zona dos Viños coas coreografías de Sondodance e o Grupo Funky Vibes de Absolute, ás que seguirá a actuación de Teo Cardalda a partir das 22:00 horas e o concerto dos anos 80, a partir das 23:00 horas, protagonizado por diversos músicos estradenses.
Lémbrase ademais que a celebración ten un compoñente de festa de disfraces, na que se premiará aos máis orixinais cun bono para asistir ao festival Portamérica en Caldas de Reis.