Invernía celebrará o seu concerto de presentación na Estrada antes de tocar en Lorient

28 Mai 2019

A banda Invernía, composta por máis de 30 músicos, celebrará o seu concerto de presentación no Teatro Principal da Estrada este domingo, 2 de xuño, ás 20:00 horas, onde interpretará o mesmo espectáculo co que participará en agosto no Festival Intercéltico de Lorient, en Francia, segundo informou hoxe a concelleira de Educación, Amalia Goldar.

 

Invernía é unha banda conformada por músicos de diferentes puntos da comunidade, da que forman parte varios compoñentes estradenses do grupo ouzandés Retrouso, ademais dos integrantes de Santiago de Compostela, Dumbría e Vedra. Unha iniciativa nacida de entre algúns deses artistas nun primeiro encontro que tivo lugar nunha foliada organizada en 2017 pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande.

 

A creación desta banda de gaitas tivo como obxectivo a posta en común do traballo das escolas de música tradicional destes lugares, baixo a dirección dos mestres Ramón Maril, Marcos Varela e Noelia Bouzón. Un proxecto que finalmente lles abriu a porta para actuar en Lorient, nun festival que este ano estará dedicado a Galicia e no que eles actuarán como representantes da comunidade, indicou o presidente da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, Xabier Camba.

 

Remarcaron os mestres o carácter heteroxéneo que conforma a agrupación, composta por máis homes que mulleres, pero no que hai artistas de todas as idades, e incidiron na idea da importancia que teñen as pequenas asociacións como as que representan, as cales actúan como escola na formación dos rapaces e facilitan que se poidan levar a cabo proxectos de máis envergadura.

 

En agosto actuarán nun festival francés no que actuarán nun campo de fútbol con capacidade para 15.000 asistentes, unha vez excluídas as zonas ocupadas polo escenario e as pechadas ao público, pero antes presentarán o espectáculo no Teatro Principal da Estrada, de xeito gratuíto e para o que xa se poden recoller as invitacións tanto no Departamento de Cultura do Concello como na taberna de Ouzande.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1