A Estrada escanciará 5.000 litros de sidra na súa festa do 8 de xuño

31 Mai 2019

A Estrada escanciará 5.000 litros de sidra na festa homónima que terá lugar o sábado 8 de xuño na Praza do Concello. A produción de mazás estradenses sitúase como a maior de Europa, cun volume total de máis de dous millóns de quilogramos recollidos esta tempada, e superando o millón e medio do ano anterior, segundo indicou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos.

 

O produto é o factor determinante e diferenciador que consegue que cada vez máis clientes fixen os ollos nas mazás estradenses, cultivadas de maneira  ecolóxica case na súa totalidade. Esta calidade superior na materia prima garante a demanda e por esa razón “non haberá na Estrada ningún produtor que se vaia a quedar cun quilo de mazás sen vender”, segundo apuntou o representante da Sidrería Ribela, Jesús Armentero.

 

Tanto López como os sidreiros locais convidaron á veciñanza a acudir á Festa da Sidra da vindeira semana e instaron aos asistentes a adquirir o vaso propio da festa empregado para degustar o produto, xa que esa é a forma de axudar a conservar e manter esta festa, que é unha das máis bonitas da Estrada, segundo palabras do alcalde, polo seu compoñente social, cunha alta participación do rural.

 

A adquisición do vaso, a un prezo de 5 euros, é un dos piares fundamentais sobre os que se sustenta a festa, xunto coa colaboración dos patrocinadores (Seguros Helvetia contribúe coa achega de 3.500 vasos) e a da institución local.

 

Por outra banda, este ano o Grolo de Ouro entregarase á Escola Politécnica de Enxeñaría Superior de Lugo, pola súa implicación e colaboración co sector sidreiro da Estrada e o departamento de I+D orientado á experimentación con novos sabores e variedades. Recollerá o galardón o director da escola, Tomás Cuesta García.

 

Espérase tamén atraer de cara ao vindeiro ano xacobeo 2021 aos principais colectivos participantes no Ciderlands, un proxecto que reúne aos principais produtores de sidra de Alemania, Francia, Reino Unido, Austria, Noruega, Irlanda e España, coa Estrada entre os seus participantes, e incluír a localidade nunha ruta turística relacionada co mundo da sidra a ter en conta a nivel internacional.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1