Manifesto do 25 de novembro contra a violencia de xénero

24 Novembro 2020

 

Mañá mércores, ás 20.30 h, terá lugar unha concentración pública na praza do Concello contra á violencia de xénero na que se dará lectura a un manifesto formulado por todos os grupos políticos da corporación do Concello da Estrada. Un evento no que se respectarán as medidas de distanciamento social e ao que haberá que acudir provisto de máscara.

 

NON VIOLENCIA

 

O manifesto é o seguinte:

MOCIÓN CONSENSUADA POLOS GRUPOS QUE FORMAN PARTE DA CORPORACIÓN DO CONCELLO DE A ESTRADA CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER


Os grupos que forman parte do Pleno do Concello da Estrada, conforme ao disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais desexa elevar ao Pleno Municipal a seguinte Proposta de MOCIÓN:


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

A violencia de xénero supón a representación máis extrema da desigualdade entre mulleres e homes existente na nosa sociedade e un grave atentado contra os dereitos humanos. Trátase dunha violencia que se dirixe ás mulleres polo mero feito de selo e por ser consideradas polos agresores como carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión. Os poderes públicos nin deben nin poden ser alleos a este problema e así, no ámbito estatal, aprobouse a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no ámbito autonómico, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

 

Os grupos que formamos a Coorporación do Concello da Estrada, queremos manifestar que temos moi en conta a aquelas mulleres que sofren a violencia en silencio. Que viviron e viven nun inferno. Mulleres ás que a Covid castigou dobremente. Mulleres que conviviron durante uns meses moi longos cos seus agresores, sen posibilidade de escapar. Debes saber que non estás soa. Debedes saber que non estades soas.


É agora cando máis se deben reforzar os mecanismos de protección á muller. Agora máis ca nunca son necesarias políticas sociais e ferramentas que lles permitan ás mulleres liberarse do opresor, do machista. Non se trata só de alternativas habitacionais, hai que reforzar máis ca nunca o apoio psicolóxico, o asesoramento legal, reforzar e crear novos mecanismos para evitar o risco de exclusión social e económico.


A Estrada leva 5 denuncias por violencia machista durante este ano, 15 menos ca o ano anterior. O ano pasado, en todo Galicia houbo 6.551 denuncias, e este só 1.397. Será que se apagou a violencia? Nós cremos que non. Acendeuse o medo. A pandemia obrigou ás mulleres a convivir co agresor. Estamos controladas. Non temos voz.


Cremos que entre os ámbitos sobre os que se proxecta a transversalidade da igualdade, e da prevención e loita contra a violencia de xénero, atópase o relativo á formación do persoal empregado público, aspecto este fundamental no persoal que debe atender as mulleres que sofren esta violencia.

 

Claro exemplo foi a aprobación do Decreto 70/2017, de 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contraa violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

A integración da igualdade de oportunidades na totalidade de actuacións das administracións públicas depende, en gran medida, da formación das persoas que traballan nelas. Consedérase necesario e imprescindible promover que todo o persoal posúa formación no ámbito da prvención e a loita contra a violencia de xénero.

 

Esta formación debe abranguer a todos os axentes dos diferentes ámbitos: persoal das administracións públicas, forzas e corpos de seguridade, persoal educativo, sanitario, do terceiro sector ou profesionais do ámbito xurídico.

 

O deseño de accións formativas pasa de xeito imprescindible por coñecer polo miúdo a lexislación específica en materia de violencia de xénero, pero non pode limitarse a iso. A formación deber orientarse tamén a ofrecer unha atención axeitada, a recoñecer sinais para a detección de casos, informar sobre os recursos existentes ou a coñecer e aplicar axeitadamente as pautas e protocolos de de derivación e/ou intervención.

 

Así, as entidades locais son para moitas mulleres o primeiro paso para saír do espazo da violencia e de aí a importancia de que o persoal da administración local adquira unha formación continua (non só dirixida ao persoal dos Centros de Información a Muller e dos servizos sociais) .


Por todo o anterior, os grupos políticos que compoñen enta corporación:


Instan ao Goberno do Estado a:

Desenvolver as medidas da actuación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, concretamente as que se recollen no seu Eixo 5 que fai referencia ao impulso da formación dos distintos axentes para garantir a mellor resposta asistencial, xa que para ofrecer ás vítimas de violencia de xénero a mellor asistencia posible é necesario que se amplíe a formación especializada de todos os/as profesionais que interveñen na prevención, protección e axuda psicosocial ás vítimas.

 

Instan ao Goberno Galego a:

Reforzar o apoio, colaboración e coordinación coas entidades locais en materia de formación do persoal da administración local, concretamente, na sensibilización, prevención e atención integral en materia de violencia de xénero.

 

O Concello da Estrada comprométese a:
1.- Renovar o seu compromiso coa igualdade de xénero e coa loita contra a violencia machista.
2.- Reforzar as políticas sociais, en especial aquelas de prevención contra a violencia sexista e aquelas que dean novas oportunidades para as vítimas da violencia machista.
3.- Rexeitar calquera posición política ou social que negue a existencia da violencia machista.
4.- Solidarizarse coas vítimas e velar polo seu dereito a vivir unha vida digna e plena.
5.- A desenvolver programas e accións formativas específicas en materia de igualdade de oportunidades e violencia de xénero, dirixidas a todo o persoal da administración local (non só dirixida ao persoal dos Centros de Información a Muller e dos servizos sociais) así como a todas as persoas integrantes da corporación municipal.

 

 

RECURSOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO:
 

 
Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta N🟣N ℹ Campaña da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade.
 
 
Agresión OFF é unha App institucional, da Xunta de Galicia, con información útil e consellos para evitar e prever agresións sexuais, así como pautas para saber a onde dirixirse para maior apoio e información. DESCARGA NA APP STORE DESCARGA EN GOOGLE PLAY
igualdade.xunta.gal
 
 
EscApp é unha aplicación da SX de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración co CPEIG que ten por obxectivo achegar información de utilidade ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia de xénero e a todas as persoas que poidan axudar a rematar con este tipo de situacións. A App discorre a través de 6 ítems moi sinxelos e prácticos: 1.-
igualdade.xunta.gal
 

O Teléfono da Muller é un servizo gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día, desde calquera teléfono fixo ou móbil, e con cobertura para toda a Comunidade Autónoma. Responde nel un equipo multidisciplinar coordinado cos diferentes profesionais de toda Galicia. O Teléfono da Muller é o 900 400 273. Tes máis información sobre o seu funcionamento aquí.
igualdade.xunta.gal

 
Navegando sobre este mapa poderá coñecer onde se atopa o seu CIM máis próximo e consultar a súa dirección, número de telefóno, fax e correo electrónico.
igualdade.xunta.gal

El Ministerio de Igualdad, por medio de la Delegación del Gobierno contra la Violencia de Género, presta el Servicio telefónico de información y de asesoramiento jurídico en materia de violencia de género, a través del número telefónico de marcación abreviada 016.
 
 
 
 


 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1