Servizos Sociais abre mañá o prazo para anotarse nas actividades de musicoterapia xerontolóxica

O departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada, liderado por Amalia Goldar, organiza de novo este ano actividades de musicoterapia xerontolóxica. Esta iniciativa está dirixida a persoas maiores de 60 anos e realizaranse entre febreiro e xuño. O prazo para anotarse empezará mañá, mércores día 17, e terminará o día 29.
 
“Son actividades que sempre teñen un gran éxito e están encamiñadas a favorecer a convivencia e a integración promovendo desta forma, a vida activa e a participación social”, apunta Goldar. Este será o segundo ano consecutivo que se levan a cabo, despois da realización dun programa piloto de tres meses fai tres anos, que a súa boa aceptación propiciou a que o departamento apostase por esta iniciativa. Desde o ano 1993 o Concello está a promover diversas actividades de carácter lúdico e formativo dirixidas a maiores, tales como as viaxes do Imserso, o programa de termalismo diúrno, entre outras.
 
As actividades levaranse a cabo desde o 5 de febreiro ata o 20 de xuño e do 3 de setembro ata o 19 de decembro durante dous días á semana con xornadas en grupo dunha hora de duración. Terán lugar nas instalacións do Novo Mercado, na primeira planta, os luns e os mércores en horario de 17.00 a 18.00 horas e de 18.00 a 19.00 horas, dividindo aos participantes en dous grupos. O custo total da actividade, que se poderá fraccionar o pago en dúas veces, será de 30 euros. O prazo para anotarse empezará mañá, día 17, e terminará o 29 de xaneiro. Os interesados deben cubrir un formulario no departamento de Servizos Sociais, situado na planta baixa da Casa Consistorial.
 
Para poder participar os interesados deberán ter máis de 60 anos, estar empadroados na Estrada e tamén poderán asistir os estradenses que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33%. Deberá haber un mínimo de dez persoas por grupo para poderse realizar a actividade. Os obxectivos deste programa son, entre outros, mellorar a coordinación funcional, o equilibrio, a mobilidade, e en xeral o desenvolvemento de actividades psicomotrices mediante a musicoterapia; restablecer a independencia das persoas maiores mediante a interrelación grupal, reforzando os diferentes parámetros psicomotrices; tonificar a musculatura corporalmente á actividade física e ampliar o rango de mobilidade articular; apoiar e incentivar a creación de grupos autónomos de actividade; traballar a capacidade memorística dos participantes; potenciar o desenvolvemento de capacidades, habilidade e destrezas das persoas participantes promovendo actividades socio-culturais e ocupacionais; fomentar a igualdade de xénero entre os participantes realizando actividades nas que poidan participar indistintamente homes e mulleres e promover a integración de persoas e colectivos en situación de desvantaxe social, fomentando actividades grupales normalizadoras de ocupación de tempo de lecer.

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1