O concurso de disfraces do luns de Entroido repartirá 2.600 euros en premios

No Entroido tradicional participarán as parroquia de Arnois, Riobó, Guimarei e Callobre e as Anpas do centros do Foxo e de Oca.

 

entroido1Unha exposición, maxia, bailes, e por suposto, diversos concursos de disfraces con variados premios son as actividades que engloban a programación de Entroido deste ano na Estrada. Esta mañá, a concelleira de Xuventude, Lucía Seoane, xunto a Rocío Blanco, deu todos os detalles sobre as actividades que terán lugar entre o 29 de xaneiro e o 13 de febreiro.

 

O ambiente de Entroido arrancará xa o 29 de xaneiro coa exposición sobre os Xenerais da Ulla que albergará a Casa das Letras ata o 9 de febreiro. A mostra estará aberta ao público de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 21.30 horas e os sábados en horario matinal. É unha exposición itinerante  que este ano recorrerá os municipios da Estrada, Teo e Touro.

 

Os concursos de disfraces, prato forte desta celebración, arrancarán con un deles o venres día 9 a partir das 19.00 horas na Zona dos Viños, que está organizado polos responsables dos locais da zona. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente no Café Robert’s.

 

A maxia tamén estará presente na Estrada durante eses días. O día 10, ás 17.30 horas, o Mago Dani animará a festa infantil e o baile de disfraces que terá lugar no restaurante Samaná. O espectáculo de ilusionismo completarase con xogos e obradoiros. Tamén haberá unha merenda con produtos típicos. Xa pola noite, os máis maiores poderán desfrutar do certame de disfraces dos locais nocturnos que ofrecerán 1.350 euros en premios.

 

Ao día seguinte, o día 11, ás 17.30 horas haberá un baile de disfraces na Residencia da Terceira Idade. Aquí a música non faltará e a xornada estará amenizada polo trío Amanecer, no que canta a estradense Cristina Cimadevila, actual concursante de Recantos do programa Luar da Televisión de Galicia. Tamén haberá unha degustación de produtos típicos.

 

  O luns 12 o cómico estradense Isi será o encargado de presentar o desfile e concurso de disfraces con saída desde a Praza da Feira a partir das 17.00 horas. Repartiranse 2.600 euros en premios, o que supón un incremento de algo máis de 1.000 euros con respecto ao ano anterior. Haberá diversas categorías: individuais (infantil e adulto), parellas, grupos e local. “Este ano, como novidade, teremos dúas categorías en individual”, sinala Seoane que engade que “este ano na de grupos dobramos máis da metade os premios con respecto aos últimos anos porque a nosa intención é fomentar a participación de que grupos doutros concellos se acheguen ata aquí, xa que a contía dos premios consideramos que é bastante elevada”. Así os premios serán:

 

  • Na categoría de Individual Adulto: 120, 90 e 30 euros.
  • Na categoría de Individual Infantil: 90, 60 e 30 euros.
  • Na categoría de Parellas: 150, 100 e 50 euros.
  • Na categoría de Grupos: 900, 600 e 300 euros.
  • Na categoría Local: 150 euros.

 

Os interesados en participar neste concurso deben anotarse na Alcaldía do Concello, segundo andar da Casa Consistorial, chamando ao teléfono 986 570 030 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.  O prazo está aberto ata o mesmo día do concurso. De feito, todas os participantes poderán anotarse unha hora antes de que comece o concurso, incluso poden facelo  ese día na Praza da Feira, agás os grupos que terán como hora límite ás 15.00 horas dese mesmo día e deberán inscribirse en Alcaldía. “Faise por un motivo. Os grupos normalmente traen algunha carroza e consideremos que a Policía Local e Protección Civil deben telo previsto e coñecer as medidas da carroza, por iso deben cubrir un formulario que lles daremos en Alcaldía”, explica a edil.

 

E por último, o día 13 ás 16.00 horas arrancará, desde a rúa Antón Losada, o Entroido tradicional no que participarán as parroquias de Arnois, Riobó, Guimarei e Callobre e e como novidade, as Asociacións de Nais e Pais dos centros educativos do Foxo e de Oca. “Hai algunha que outra ANPA que pode que tamén se sume”, confesa a concelleira. Ademais, a xornada estará marcada polos atranques dos Xenerais da Ulla de Santa Cristina de Vea, que serán os encargados de abrir o desfile. Prevese a chegada á Praza da Feira ao redor das 18.30 horas e nese escenario o ritmo estará marcado por Straden’s Band Os Xirimbaos. O acto estará presentado por Pablo García ‘Chichas’. Ademais, participarán os Cabezudos da Escola Municipal de Artes Escénicas de A Estrada.

 

Descargar programa.

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1