Servizos Sociais abre o luns o prazo para anotarse nas actividades de arteterapia dirixidas a persoas con discapacidade intelectual

O prazo rematará xa o venres, día 23.

 

O departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada, dirixido por Amalia Goldar, organiza un ano máis actividades de arteterapia dirixidas á persoas con discapacidade intelectual. O prazo para anotarse comenzará o luns, día 19, e rematará xa o venres, día 23 de febreiro. As actividades levaranse a cabo desde o 5 de marzo ata o 14 de decembro, agás no mes de agosto, durante tres días á semana con tres horas diarias de duración.

 

Estas actividades serán impartidas pola Asociación Galega das Artes e terán como escenario nas instalacións deste colectivo, sitas na Avenida de Vigo, número 25, baixo da Estrada. Esta iniciativa está dirixida ás persoas empadroadas no municipio estradense, que teñen unha discapacidade intelectual igual ou superior ao 33% e para que se impartan as actividades deberán formarse grupos dun mínimo de dez persoas. As sesións, de marzo a decembro, con descanso do mes de agosto, terán lugar os luns, mércores e xoves en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas.

 

Os interesados en asistir deberán presentar durante a vindeira semana o formulario da solicitude cuberto, que se pode descargar da páxina web do Concello, ou recoller directamente no departamento de Servizos Sociais, sito na planta baixa do Consistorio. Será aquí, neste departamento, onde se deberán presentar as demandas, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. O prazo rematará xa o venres, día 23 deste mes. A actividade é totalmente gratuíta para os asistentes.

 

Os obxectivos deste programa son, entre outros, fortalecer a independencia e a autonomía persoal posibilitando que as persoas con discapacidade intelectual adquiran e manteñan habilidades instrumentais e funcionais para a vida diaria; favorecer o desfrute e a calidade de vida por medio da aprendizaxe de habilidades sociais e persoais, desenvolvendo actividades socioculturais, ocupacionais, artísticas e creativas; fomentar a igualdade de xénero entre os participantes realizando actividades nas que poidan participar indistintamente homes e mulleres e promovela integración de persoas e colectivos en situación de desvantaxe social, fomentando actividades grupais normalizadoras de ocupación de tempo de lecer.

 

O apoio ás familias das persoas con discapacidade e o desenvolvemento de actuacións para a promoción de vida independente, tanto no ámbito persoal como social, son aspectos básicos para a planificación de actuacións dirixidas á persoas con discapacidade e organizadas dende o departamento de Servizos Sociais deste Concello.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1