A Banda de Música Municipal da Estrada ofrece o sábado o seu I Concerto de Solistas. A cita será ás 20.30 horas no Teatro Principal. Baixo a dirección de Javier Comesaña actuarán catro solistas, pertencentes todos á agrupación estradense. O concerto erá de balde e as invitacións xa se poden recoller no Conservatorio, tanto pola mañá como pola tarde, así como no departamento de Cultura, sito no segundo andar do Concello, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.
“Será un concerto de solistas da banda acompañados pola propia banda e terá unha duración dunha hora”, comenta o director Javier Comesaña. Os solistas que darán a coñecer o seu talento serán: Santiago Gómez Fuentes (trompeta), Rubén Calviño Maceiras (tuba), Bernardo Rey García (bombardino) e Javier Comesaña Davila (saxofón barítono). Todos son músicos profesionais, tal e como apunta o director da banda, que remarca que “este primeiro concerto de solistas serve para dar a coñecer e potenciar o material que temos aquí na banda e é importante destacar que serán todas obras de estrea”.
Este concerto completa a programación cultural Primavera no Principal que está fin de semana comeza xa o venres coa representación da traxicomedia O tolleito de Inishmaan da compañía de teatro Contraproducións. Neste caso, as entradas teñen un prezo de cinco euros e poden adquirirse tamén no departamento de Cultura ou a partir das 20.15 h, no despacho de billetes do teatro. O espectáculo dará comezo ás 21.00 horas.