O local social de Oca acollerá o sábado unha charla informativa sobre a vespa Velutina

A concellería de Medio Ambiente, dirixida por Juan Constenla, está levando a cabo unhas xornadas informativas sobre a avespa velutina. En días pasados estas tiveron lugar no casco urbano, pero agora tamén se trasladan ao rural. Así este sábado, día 17, ás 17.30 horas terá lugar unha charla no local social da parroquia de Oca. Estará impartida por José María Bello, delegado da Asociación Galega de Apicultura (AGA) no Morrazo, en colaboración co Concello da Estrada. Esta iniciativa ten como obxectivo concienciar a veciños e asociacións sobre a importancia de colocar trampas para erradicar esta invasión, así como para aportar toda a información referente a esta especie.

 

Durante o acto, tratarase a problemática da avespa Velutina, máis coñecida como avespa asiática,  intentando concienciar á sociedade do perigo que supón está lacra e para que todos en conxunto consigamos  a súa erradicación.

 

A persoa encargada de impartir a charla aportará información sobre as características desta especie procedente de Asia e tamén explicará detalles que permitan diferenciala da especie autóctona. Ademais, indicará como detectar a presencia dun niño de Velutina, distinguindo entre un primario e un secundario. Tamén, abordará a importancia de eliminar estes niños e a maneira en como se pode facer. Concretamente, a eliminación do niño primario é sinxela e débese facer sempre de noite pulverizando con insecticida a través do orificio de entrada do niño, mentres que a do secundario é moito máis complexa, polo que terá que ser levada a cabo por persoas especializadas, polo que neste caso, hai que chamar ao 112.

 

Estas charlas son de gran importancia nestas datas tendo en conta que é o momento para capturar ás raíñas, que abarca desde febreiro a maio incluídos, xa que é a fase de construción e actividade do niño primario. O mellor lugar para colocar as trampas son as camelias porque teñen flor nestes meses e atraen moito ás raíñas de Velutina. Existen trampas comercias dispoñibles no mercado, aínda que se poden facer de maneira caseira e de forma sinxela, algo que tamén se explicará na charla.

 

Juan Constenla pide a colaboración da cidadanía para que en conxunto todos aportemos axuda para acabar con esta lacra, xa que provocan danos na apicultura, danos medioambientais, agrícolas e frutícolas e en xeral, son prexudiciais para a saúde e para a seguridade cidadá.

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1