Varias rúas do casco urbano estarán cortadas ao tráfico o xoves e venres desde ás 20.00 horas por mor da Semana Santa

O xoves e o venres, con motivo da celebración da Semana Santa, varias rúas do casco urbano da Estrada permanecerán cortadas ao tráfico desde ás 20.00 horas e ata que rematen as procesións, que arrancarán a partir das 21.00 horas. Por razóns de seguridade, a xefatura da Policía Local da Estrada pide a máxima colaboración da cidadanía para que respecten en todo momento a sinalización establecida para ocasión e as ordes dos axentes, xa que accións como por exemplo retirar vallas ou desobedecer ás Autoridades serán sancionadas con multas económicas e incluso, coa retirada de puntos.  

 

O percorrido da procesión, e polo tanto as rúas que estarán cortadas completamente ao tráfico, do xoves 29 será: saída desde a igrexa, (Praza da Inmaculada), pasando por Don Nicolás, Calvo Sotelo (sentido contrario ao da marcha), Irmáns Severino Trigo, Praza da Feira (zona reservada), Porta do Sol, Ulla, Calvo Sotelo, Don Nicolás e volta á igrexa, na Praza da Inmaculada.

 

Mentres, o venres día 30, a procesión sairá desde a igrexa (Praza da Inmaculada) pasando por San Antón, Justo Martínez, Iryda, Varela Buxán, Fernando Conde, Porta do Sol, Ulla, Calvo Sotelo, Praza de Galicia, Peregrina, Praza do Mercado, Capitán Bernal, Padrón, Waldo Álvarez Ínsua, atravesarase a Praza do Mercado e dirixirase cara Peregrina, Praza de Galicia, Don Nicolás e volta á igrexa.

 

Desde a xefatura da Policía Local piden a máxima colaboración da cidadanía nestes tramos xa que debido a razóns de seguridade estará totalmente prohibido o tráfico resaltando que non se permitirá a circulación de ningún tipo de vehículo, salvo a autorización expresa por motivos de urxencia, o que significa que nin sequera se poderá acceder aos garaxes.

 

Para evitar que ninguén incumpra estas prohibicións, desde a Policía Local avisan que se sancionará administrativamente, ou incluso, mediante vía penal en casos graves, a todo aquel que non respecte a sinalización e barreiras que se coloquen nos accesos e tramos acotados. Informan que se considera infraccións, con multas que van desde os 80 aos 500 euros e coa retirada de puntos nalgúns casos, conducir de maneira temeraria, de forma neglixente, non respectar as sinais e ordes dos axentes e non obedecer unha sinal de entrada prohibida a toda clase de vehículos. Destacando que non se poderá saír nin entrar aos garaxes das zonas cortadas ao tráfico nese horario.

 

Considerase infraccións graves, que se poden castigar con multas que van desde os 601 aos 30.000 euros, a perturbación da seguridade cidadá en actos públicos, espectáculos deportivos ou culturais, solemnidades e oficios relixiosos ou outras reunións aos que asistan numerosas persoas; causar desordes nas vías, espazos ou establecementos públicos ou obstaculizar a vía pública con mobiliario urbano, vehículos, colectores, pneumáticos ou outros obxectos; os actos de obstrución que pretendan impedir a calquera autoridade, empregado público ou corporación oficial o exercicio lexítimo das súas funcións; a desobediencia á autoridade e aos seus axentes no exercicio das funcións, así como a negativa á identificarse ou a alegación de datos falsos  ou inexactos nos procesos de identificación por parte dos axentes e o uso non autorizado de imaxes e datos persoais ou profesionais de autoridades e membros das Forzas e Corpos de Seguridade.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1