Apacaf, en colaboración co Concello da Estrada, conmemora o sábado o Día Mundial do Autismo

O pasado 2 de abril celebrouse o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data que se vén conmemorando desde hai unha década. Este sábado, día 14, a Estrada sumarase a esta celebración. A Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (Apacaf), en colaboración co Concello da Estrada, colocará un stand informativo durante a mañá no Novo Mercado da Estrada e procederase á lectura dun manifesto.

 

Rompamos xuntos barreiras polo autismo. Fagamos unha sociedade accesible. É o lema da celebración deste ano, tendo como obxectivo sensibilizar sobre o feito de que a accesibilidade vai máis alá do meramente físico e que as persoas con Trastorno do Espectro Autista enfróntanse a diferentes tipos de barreiras que non son visibles.

 

Apacaf convida á cidadanía acercarse o sábado ao Novo Mercado, onde estará, entre as 11.00 e as 13.00 horas, un stand no que se repartirán folletos e globos azuis. “Xa que azul é a cor que representa ao autismo”, sinala María García Márquez, responsable de comunicación de Apacaf. Por que a azul? Porque esta cor representa a cor do mar que as veces está en calma e outras todo o contrario. Isto pode compararse co que viven os familiares dunha persoa que padece esta patoloxía.

 

No lugar da conmemoración estará visible unha pancarta na que se poderá ler o lema deste ano. “Estaremos persoal do noso centro así como algúns usuarios e convidamos a todos os veciños a asistir. A  nosa finalidade, con este tipo de actos que celebramos todos os anos, é intentar visibilizar que estamos aí. Queremos amosar as barreiras coas que estas persoas se atopan no día a día e que a xente as recoñeza e axude a rompelas”, apunta García.

 

Ás 12.00 horas está previsto a lectura dun manifesto e o acto simbólico de “romper barreiras polo autismo”, o que dará por rematada esta xornada de conmemoración, pero ao longo do ano celebraranse outros actos, entre eles un concerto benéfico que terá lugar a finais deste mes de abril. “Estes actos serán o prólogo de outros que faremos ao longo de 2018 debido a que cumprimos 30 anos”, adianta a responsable de comunicación do colectivo.

 

Apacaf ten o seu centro en A Braña, na parroquia estradense de Berres, e é pioneiro en Galicia na atención a persoas con autismo. Tal e como explica María García na actualidade teñen 34 usuarios, todos adultos, e dos cales 8 viven no centro.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1