O luns póñense á venda as entradas para Raclette e as 15 primeiras persoas que as merquen poderán ver o espectáculo desde o propio escenario

O luns, día 16, poñeranse á venda as entradas para o espectáculo Raclette de Ibuprofeno Teatro que terá lugar o día 20, ás 21.00 horas, no Teatro Principal. Poderanse adquirir no Departamento de Cultura do Consistorio, sito na segunda planta, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. Esta obra ten unha peculiaridade que é que parte do público formará parte da escenografía. Desde Cultura informan que as 15 primeiras persoas que retiren as súas entradas poderán gozar do espectáculo sobre o propio escenario e ao lado dos actores. As entradas teñen un prezo de cinco euros.

 

O nome da obra fai referencia a unha maneira de comer en comunidade, inventada por pastores suízos que para evitar o frío comían ao redor dunha pedra quentada ao lume e sobre a que ía cociñando. Esta Raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que acabarán entrelazándose dando lugar a unha historia terrible. Trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia.

 

Aparecen cinco persoas que están pasando por momentos cruciais nas súas vidas. Baixo a dirección de Santiago Cortegoso, a obra cunha duración de 75 minutos, está interpretada por Toni Salgado, Déborah Vukusic, Marián Bañobre, Iria Sobrado e Salvador del Río.

 

O Departamento de Cultura lembra que están á venda as entradas para o concerto de Rubén Pozo (excompoñente de Pereza) e que terá lugar o sábado 21 ás 22.00 horas no Principal.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1