O Concello da Estrada, en colaboración con Elegal, organiza a xornada Os autónomos, as pemes e a administración electrónica

Será o día 19 ás 19.30 horas no viveiro de empresas.

 

Coa entrada en vigor da Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como a nova Lei de Contratos do Sector Público, as persoas autónomas, as empresas e diferentes colectivos de profesionais viron tornar radicalmente a súa forma de relacionarse coas administracións públicas. Por esta razón, o Concello da Estrada, e en colaboración cos profesionais de Elegal, levará a cabo o día 19 a xornada Os autónomos, as pemes e a administración electrónica. Será ás 19.30 horas na sala de xuntas do viveiro de empresas, sito na primeira planta do Novo Mercado.

 

A xornada estará impartida por Ofelia Mato e Manuel Varela, economista e avogado, respectivamente, de Elegal. Durante a mesma abarcaranse os seguintes temas:

 

  1. O uso do certificado dixital en todas as administracións públicas (Concellos, Facenda, Seguridade Social, AGE, Xunta de Galicia).
  2. A entrada en vigor da nova lei de autónomos e implicacións na vida cotiá das persoas traballadoras por conta propia.
  3. Os Puntos de Atención ao Emprendedor (PAE) e máis concretamente o PAE da Estrada aportando información sobre a simplificación administrativa, o acceso rápido á información relevante, axudas, etc.
  4. E falarán das diversas liñas de axudas e de subvencións que existen para autónomos, emprendedores e pemes.

 

“Trátase de facer unha xornada dinámica, que sexa máis ben práctica, e que  axude a resolver todas as dúbidas que poida haber neste ámbito”, apuntan desde o Servizo de Emprego Municipal do Concello da Estrada.

 

A xornada será totalmente gratuíta e é aberta a todo o público en xeral, estea ou non empadroado no municipio estradense. Aínda que non é de todo necesario, os interesados poden anotarse previamente a través do enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamando aos teléfonos 986 677 740 ou 986 570 030 (extensión 4226).

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1