Mañá arranca no MOME a segunda edición do programa Camiños de Coñecemento e Experiencia da USC

É un curso dirixido a maiores de 50 anos e anotáronse 35 persoas.

 

Mañá, martes, comeza na Estrada a segunda edición do programa universitario de maiores, IV Ciclo, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), baixo o título Camiños de Coñecemento e Experiencia. Este curso ten como obxectivo  favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundindo o coñecemento científico e artístico e vai dirixido á poboación maior de 50 anos. Anotáronse un total de 35 persoas, 12 máis que a edición anterior. A iniciativa, totalmente gratuíta, levarase a cabo agora, durante o mes de maio, e estará dividido en tres clases teóricas e tres prácticas. Mañá comeza coa primeira clase teórica prevista desde ás 17.00 ás 18.30 horas no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME).

 

A formación programada por parte da USC, concretamente polo Vicerreitorado de Formación e Innovación Educativa, divídese tres seminarios, cuxas clases teóricas terán lugar no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) cunha duración aproximada de 90 minutos impartíndose de 17.00 a 18.30 horas.  O alumnado recibirá, en tódalas teóricas, a presentación en power point ou un esquema.

 

O primeiro seminario tratará o mundo artístico e en concreto, o musical. A música ten moitas funcións e sen dúbida, a educación coa música é unha delas, por iso baixo o título Música galega, tratarán esta temática, nunha comarca onde o apego musical é recoñecido historicamente pola implicación sociocomunitaria dos seus habitantes. Abordará a emoción, a afectividade e a música galega, centrándose en como a música afecta ao noso cerebro e á construción dos valores dun pobo. Tamén, lles ensinarán os usos e funcións da música, vendo a construción musical como unha manifestación cultural artística. Está xornada será mañá, día 3. Estará impartida por Silvana Longueira Matos, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC e do Programa Universitario e Maiores, IV Ciclo da USC e por Laura Touriñán Morandeira, profesora tamén deste mesmo programa.

 

A parte práctica deste temario consistirá en asistir a un concerto da Real Filharmonía de Galicia, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Falta a data por confirmar. En todas as saídas previstas haberá servizo de autobús gratuíto.

 

O segundo temario abordará unha temática máis científica facendo referencia aos cambios máis relevantes que se están producindo na sociedade e o continuo incremento do envellecemento da poboación. Coñecer o proceso de envellecemento é unhas das mellores formas de optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a calidade de vida nesta etapa. Estará impartido por Víctor Manuel Arce Vázquez, doutor en Medicina e profesor da Facultade de Medicina da USC e do Programa Universitario e Maiores, IV Ciclo da USC e por José Manuel Fernández García, doutor en Medicina, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e Coordinador nacional do Grupo de Traballo de Nutrición de Semergen. Terá lugar o día 8 de maio.

 

A práctica deste seminario será o 25 de maio. Consistirá nunha práctica de Nutrición, de actividade física e envellecemento da Facultade de Medicina, impartida por Víctor Arce Vázquez, profesor de dita facultade. Terá lugar de 17.00 a 18.30 horas.

 

E o terceiro e último seminario fai referencia á historia da cultura de Galicia II no patrimonio da comarca, baixo o título Tesouros escritos nos mosteiros galegos medievais. A clase teórica terá unha duración aproximada dunha hora e media e 30 minutos dedicaranse á práctica na aula. Durante a práctica terá lugar un pequeno obradoiro para aprender como se escribía e se facían os manuscritos na Idade Media, xa que o seminario abordará os manuscritos medievais, o patrimonio escrito galego relacionado cos mosteiros medievais e as ferramentas e utilidades na rede sobre o contido dese patrimonio. Será o 30 de maio e estará impartido por Mercedes López-Mayán Navarrete, profesora da Facultade de Xeografía e da Historia da USC.

 

A sesión práctica consistirá nunha saída ao Arquivo Histórico Diocesán de Santiago de Compostela para poñer en valor e in situ os contidos teóricos. Será o 31 de maio de 10.30 a 12.00 horas e estará impartido tamén por  Mercedes López-Mayán Navarrete.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1