O Concello da Estrada reclama a Fenosa que cumpra coas súas obrigas

O Concello da Estrada reclama a Fenosa que cumpra as condicións do contrato firmado entre as partes o pasado día 13 de abril. Dende a firma do contrato non hai resposta por parte da compañía nin forma de pórse en contacto con ela, lamenta o alcalde da localidade, José López.

 

O termo municipal adheriuse ao contrato marco para a subministración de electricidade en alta e baixa tensión porque lle supuña unha serie de vantaxes, tales coma unha rebaixa do custo da factura eléctrica, a eliminación dos reparos, que teñen saturado o departamento de intervención do concello coa emisión de máis de 500 facturas anuais pertencentes á empresa eléctrica, e que non están amparadas en ningún contrato e, sobre todo, a posibilidade de reunir todos os servizos baixo unha factura única.

 

Este último motivo, o da factura única, foi o máis determinante á hora de que o concello se adherise a este convenio con Fenosa, xa que permitiría acabar co problema do colapso de facturas no departamento de intervención do consistorio e, ademais acortar o período medio de pago, posto que facilitaría os trámites de corrección de erros nas facturas. “A inclusión da factura única era un pilar fundamental”, recoñece López.

 

Este convenio supón un aforro para o concello da Estrada, que resolvería o custo máximo en electricidade coa cifra de 1.690.000 euros para os vindeiros dous anos. Deste xeito aforraría aproximadamente 250.000 euros no mesmo período, só coa adhesión ao convenio e sen incluír actuacións como a do cambio de luminarias ou o Plan de Eficiencia Enerxética, aclara o alcalde.

 

Sen embargo, dende a firma do contrato, da que xa se cumpren tres meses, segue sen adoptarse ningunha das medidas, e a compañía eléctrica non da resposta. “Nin sequera hai con quen falar. Os cambios que se están a producir na empresa están deteriorando o funcionamento da mesma”, adoece o dirixente local, que prosegue explicando que “non existen noticias, información, nin contestación das chamadas que se están a realizar dende o Consistorio”.

 

Nestas palabras se expresa o prexuízo que lle está a causar ao concello a non aplicación do convenio tal como está firmado, e traslada así mesmo o malestar e queixa por este desinterese mostrado por Fenosa respecto á solución do problema exposto.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1