A Escola Infantil Municipal da Estrada aproba con nota simulacro de incendio

A Escola Infantil Municipal da Estrada efectuou esta mañá un simulacro de incendio no que acadou uns resultados moi satisfactorios. Os 56 cativos acompañados polos seus mestres foron desaloxados das instalacións da escola en pouco máis de catro minutos e medio.

 

Nesta ocasión, o procedemento para dar inicio ao simulacro realizouse a través dunha chamada ao centro no que se daba aviso dun incendio na cociña. Dende o mesmo intre do comezo da chamada xa corría o tempo para proceder á evacuación, que marcou 4:33 minutos no momento exacto no que o derradeiro neno saía pola porta. Esta trátase dunha boa marca, xa que o obxectivo para unha escola municipal é “situarse por debaixo dos seis minutos”, segundo aclarou o técnico de prevención Alfonso Álvarez.

 

escola infantil simulacroO procedemento seguido para o desaloxo foi o de formar pequenos grupos de nenos, uns agarrados aos outros que saían do centro, dirixidos cada un deles por un dos seis profesores, dúas cociñeiras e dúas persoas pertencentes ao Persoal de Servizos Xerais (PSX) da escola. Todos os cativos que participaron no simulacro teñen idades comprendidas entre un e tres anos.

 

Non obstante, aínda que o simulacro foi un éxito, hai cuestións que mellorar. O emprego da porta traseira do centro, con saída á Avenida de Santiago, para o desaloxo ten o problema de que necesita unha chave para a súa apertura, o que supón un obstáculo no caso dunha emerxencia real. O ideal sería evacuar aos nenos pola porta principal, que conta cunha ruta dotada de portas antipánico que se abren simplemente empurrando, pero ten o problema do tráfico que transita pola estrada PO-841 que vai cara Santiago e pasa xusto por diante da porta principal.

 

De todos os xeitos, estudarase a posibilidade de desaloxar por esa porta e empregar a beirarrúa cara unha explanada próxima ao centro como punto de reunión. A saída pola porta principal podería acortar o período de evacuación ata nun minuto, e en caso de emerxencia un minuto pode ser crucial, recordou Álvarez.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1