Ana Cabaleiro álzase co Premio de novela Manuel García Barros na súa trixésima edición

A xornalista e autora Ana Cabaleiro erixiuse como a nova gañadora da trixésima edición do Premio de novela Manuel García Barros da Estrada. Así o emitiu esta mañá na Sala de Xuntas do Concello o xurado que fallou a súa decisión en prol da novela As Ramonas.

 

O conselleiro de Cultura, Juan Manuel Constenla, foi o encargado de dar a coñecer á gañadora deste premio literario no que os xuíces deron por gañadora a Cabaleiro. O xurado, formado por un grupo de recoñecidos profesionais vinculados ao mundo da cultura tales coma a filóloga e ensaísta María Eulalia Agrelo Costas, o poeta e editor Carlos González de Lema Malvar, o escritor e crítico literario Armando Requeixo Cuba, a poeta e xornalista Olalla Cociña Lozano e, actuando como secretario, o mestre e escritor Carlos Loureiro Rodríguez, recalcou que a novela galardoada foi escollida sen discusión e por unanimidade.

 

Ana Cabaleiro estudou xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e actualmente forma parte do Gabinete de prensa da Deputación de Pontevedra. Publicou a súa ópera prima o ano pasado baixo o título de “De sapos e sereas”. Segundo explica Requeixo, a autora reivindica, a través dos seus traballos, o papel da muller no mundo actual e a través dos mesmos, pódese observar a querenza desta para os veciños da zona, xa que o espazo da obra xira en torno a Saídes, lugar natal da galardoada.

 

A obra premiada conta a historia dunha fotógrafa de vodas que ansía transcender e alcanzar a liberdade a través da arte, segundo apuntou González de Lema, que engadiu que resultou ser unha obra que consegue contactar doadamente co lector, na que a acción se sitúa nos contornos da comarca, entre Silleda e Santiago, e na que de fondo figura un tema universal, que non é outro que o intento dunha persoa da aldea cun traballo normal mediante o cal pretende transcender a súa realidade.

 

González de Lema apuntou tamén que nun primeiro momento chama a atención que toda a acción ao longo do escrito transcorra en interiores de coches e que estes se convertan no espazo social polo que discorre a historia, e engadiu que isto non se trata dun “falso efectismo”, senón que serve como canle para o transcurso da novela.

 

Pola súa banda, Carlos Loureiro quixo recalcar a forma na que a historia chega ao lector grazas ao emprego dun espazo novelesco que resulta coñecido, como é o da zona de Silleda e Bandeira, e amosou emoción polo feito de que a gañadora deste ano fose unha muller, convertendo a Cabaleiro na terceira autora que gaña este premio nos seus trinta anos de historia.

 

De feito, as mulleres teñen un “papel protagónico fundamental”, tal como sinalou Agrelo, que tamén aclarou que o título da obra responde a que todas as mulleres do relato responden ao nome de Ramona nunha novela que se desenvolve nun ámbito rural en clave feminina; unha novela moderna, atractiva, sedutora, concluíu.

 

Olalla Cociña admitiu que o que máis lle chamou a atención da historia foi a construción do personaxe, da que dixo que é como unha especie de antiheroína; unha perdedora que vai crecendo ao longo da novela, de forma que pasa de ser unha perdedora a unha gañadora na vida.

 

Para concluír, Requeixo sinalou que As Ramonas conta cunhas personaxes femininas “fascinantes” e que representa a vitoria do mundo da arte fronte as continxencias cotiás, e predixo tamén que será unha obra que conseguirá cativar ás persoas que se aproximen a ela.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1