As portas do Concello están abertas para as persoas que precisen axuda

En resposta ás informacións publicadas nas que se afirmaba que existen persoas na Estrada que se ven obrigadas a buscar alimentos en diferentes contedores do centro urbano, a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, sinalou que dende o Concello non se ten constancia da existencia desas persoas en situación de desamparo pero que, de ser o caso, as portas do Concello están abertas para as persoas que precisen dalgún tipo de axuda.

 

Non obstante, a concelleira lembrou que existe unha prestación municipal de alimentos, que cubre, ademais, necesidades en canto a produtos de aseo e limpeza, coa que se axuda a aquelas familias que a solicitan e a precisan, trala valoración dun traballador social, e que se traballa tamén con Cáritas para axilizar o proceso e comezar a prestar axuda a quen a precise o antes posible.

 

Neste caso concreto, non se ten constancia por parte da administración local da existencia destas persoas ás que aluden os veciños e, polo tanto, non se sabe se estas actividades supoñen unha situación puntual ou non, pero para poder prestar axuda a estas persoas, antes habería que identificalas e remitilas ao departamento de Servizos Sociais do Consistorio.

 

A concelleira afirmou que houbo un aumento no número de familias que precisaban deste tipo de axudas en 2012, pero que a tendencia nos últimos anos foi gradualmente en descenso.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1