XA está aberto o prazo de solicitudes para acoller a 14ª XIRA DO CICLO TELECLUB DA COMEDIA

Todas aquelas asociacións veciñais ou parroquias que así o queiran, poderán dirixir polo rexistro do Concello da Estrada unha solicitude ao departamento de Cultura, para acoller unha actuación do novo ciclo do Teleclub da Comedia previsto para este próximo outono. Un ciclo de exhibición escénica que comezou a implantarse no rural estradense hai oito anos e que suma preto de 150 espectáculos realizados ao longo deste tempo.

 

Este ciclo teatral forma parte dun Plan Cultural de Dinamización Rural que pretende descentralizar as actividades culturais achegándoas, na medida do posible, a aqueles ámbitos de poboación rural desprovistos de infraestruturas; favorecendo, por unha banda, a captación de público e a consolidación dun ciclo de exhibición cultural permanente. Isto, sen esquecer, que a programación destas actividades, serve tamén para poñer en valor espazos como antigas escolas, teleclubs e outros locais sociais, presentes en cada parroquia e para fomentar a convivencia entre veciños.

 

Inspirado nos programas de monólogos cómicos de carácter televisivo, este proxecto oferta ás distintas parroquias espectáculos de pequeno formato relacionados co clown, o novo circo, o monólogo cómico ou espectáculos de maxia e teatro. Estes espectáculos están configurados na súa meirande parte por artistas e actores formados na vila e por artistas e compañías foráneas.

 

O novo ciclo, que visitará unha ducia de parroquias estradenses, dará comezo o 21 de setembro e rematará o 27 de decembro nunha gala de nadal que terá lugar no Teatro Principal con todos os artistas participantes. O prazo para que as parroquias cursen as correspondentes solicitudes rematará o día 3 de setembro.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1