Sete empresas dispútanse a reforma da Rúa do Cruceiro

O Concello da Estrada celebrou hoxe unha mesa de contratación para adxudicar a reforma da rúa do Cruceiro, que se disputan sete empresas das nove que se presentaran previamente. Na mesa de contratación descartáronse as propostas de dúas empresas; unha por presentar a oferta fóra de prazo e a outra por non presentar a documentación correctamente, segundo explicou o alcalde, José López Campos.

 

Tras esta valoración da mesa de contratación,  os empregados municipais analizarán e valorarán as propostas mediante criterios técnicos e, nun prazo de sete días, elaborarán informes ao respecto de cada unha. Posteriormente, haberá que convocar unha mesa de contratación onde se valorará a oferta económica de cada empresa interesada, xunto cos informes dos técnicos, e de aí sairá a adxudicataria da obra.

 

Dende o Concello preténdense axilizar os trámites tanto como sexa posible, debido a que consta como data límite para a intervención o 30 de setembro e a dita intervención conta cun prazo de execución de dous meses, polo que tamén se solicitou unha prórroga, que chegará presuntamente autorizada ata finais de outubro ou mediados de novembro, sinalou López.

 

Esta intervención conta cun orzamento de 140.000 euros; 40.000 achegados pola Consellería de Presidencia e 100.000 de fondos propios do Concello. Esta obra, xunto coa renovación da iluminación nun convenio xa asinado coa Xunta por valor de 30.000 euros, porá fin á segunda fase de actuación na Zona dos Viños.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1