Novos requirimentos polo Plan Concellos chegan á Estrada

Despois da análise por parte dos técnicos, catro novos requirimentos da Deputación referentes ao Plan Concellos chegaron onte á Casa Consistorial da Estrada, segundo informou o alcalde, José López Campos.

 

Polo visto, os técnicos analizaron en detalle os proxectos do Concello, advertiu López, que acto seguido asegurou que os requirimentos son minucias que só parecen pretender retrasar o inicio da execución do Plan Concellos na localidade.

 

As reclamacións da Deputación son tales como a falta de fotografías para o arranxo dunha fonte no rural; que se fai referencia en dous dos proxectos a unha lei antiga de accesibilidade, tanto para melloras de camiños rurais (un proxecto de 660.000 euros) como para a pavimentación de vías urbanas ademais dun requirimento nada esclarecedor a tenor do proxecto de mobiliario dos xardíns, que require documentación para obras de menos de 50.000 euros de inversión cando dito proxecto supera os 200.000.

 

O alcalde aseverou que a Deputación non debería estar para isto, para pór obstáculos no camiño, senón para facilitar os trámites aos concellos, e afirmou que se vai a preocupar de indagar se aos máis de 300 proxectos xa aprobados do Plan Concellos se lles puxeron tantas trabas e se analizaron de xeito tan pormenorizado por parte da administración provincial.

 

Ademais insistiu en que levan xa máis de dous meses e medio retrasando os proxectos da Estrada, xa que teñen fondos propios do concello invertidos en proxectos de asfaltado no rural inseridos no Plan Concellos dos que non poden dispor ao estar os proxectos paralizados.

 

Para rematar, pediu ao PSOE estradense que se sume á petición de que se resolva o Plan Concellos e deste xeito favorecer os intereses dos estradenses.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1