A Estrada colocará 30 novas marquesiñas nas paradas de transporte público

O Concello da Estrada comunicoulle hoxe á terceira empresa adxudicataria que ten dez días para presentar a documentación que lle abriría as portas a un contrato por valor de 83.000 euros, destinados á colocación de 30 novas marquesiñas que se instalarán nos puntos de parada do transporte público en distintos puntos da localidade.



Así o indicou hoxe o alcalde, José López Campos, que explicou que este proxecto, iniciado a principios de ano se está alargando debido a que a primeira adxudicataria non cumpría os requisitos de solvencia a xuízo dos técnicos e a segunda delas non presentou a documentación dentro do prazo.



Esta terceira, Mobiliario Urbano Marlo, conta a partir de agora con dez días para presentar a documentación. Dende o Concello se lle pediu que intentase mellorar algúns aspectos da oferta, como son o prezo unitario, a redución do prazo de execución e a garantía das marquesiñas.



Para satisfacer esta petición, a empresa baixou o prezo por marquesiña de 2.783 a 2.692 euros, reduciu o prazo de instalación de dous meses en vinte días e engadiu doce meses á garantía das mesmas.



A previsión, avanzou López, é telas instaladas en outubro e, aínda que a maioría se instalarán no rural, nas estradas máis transitadas e nas zonas con máis tráfico de  viaxeiros, tamén sinalou que están estudando, xunto coa policía, a posibilidade de instalar dúas no casco urbano; unha na Rúa Benito Vigo á altura do Novo Mercado e outra na Praza do Concello, lugares onde acostuma a haber moito movemento de xente que colle o autobús.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1